A Xunta promove en Pontevedra a formación en novas tecnoloxías para o sector da artesanía

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia visitou hoxe o curso “Redes sociais e comunicación en internet”, que se desenvolveu nas catro provincias galegas co obxectivo de fortalecer a comunicación dixital nas empresas artesás

Búscase que os profesionais melloren a súa promoción e a súa comercialización a través de internet

Pontevedra, 5 de decembro de 2018
  • whatsapp

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou hoxe o curso “Redes sociais e comunicación en internet”, en Pontevedra, na súa derradeira xornada. O curso, que forma parte do programa de formación especializada para artesáns impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, xa se realizou nas outras tres provincias galegas co obxectivo de impulsar o uso da comunicación dixital nas empresas artesás de Galicia.

Nesta actividade, que comezou o pasado 9 de novembro, participan profesionais da artesanía galega que asisten ás clases presenciais, na aula CeMIT de Pontevedra, complementándose con dúas sesións de seguimento on line de 4 horas de duración. A actividade está enfocada a proporcionarlle aos obradoiros as ferramentas necesarias para optimizar os seus recursos de comunicación e mellorar a súa promoción e a súa comercialización a través de internet. Estes cursos de formación en novas tecnoloxías para o sector artesán están dirixidos pola empresa Abertal Networks.

A formación dirixida aos artesáns e a captación de novo talento é unha das bases da estratexia de impulso ao sector impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Na busca da introdución da innovación en todos os procesos, da recuperación de oficios tradicionais en extinción e da mellora da comercialización está previsto que se realicen os seguintes cursos que se complementarán con outras accións formativas encadradas no marco de diferentes eventos que se desenvolverán ao longo deste ano.
 

Data de actualización: 05/12/2018