Declaración institucional 40 aniversario Constitución española
  • whatsapp

O 6 de decembro de 1978 fúndase unha nova España. Coa Constitución nace unha España de todos, fraterna, libre, plural e aberta. A Constitución é o máis grande monumento colectivo da nosa historia. Porque o fixemos entre todos e porque a todos serve.

O pobo, primeiro a través dos seus representantes lexítimos e logo mediante referendo, decide iniciar unha andaina común.

O noso país deixa de estar asociado a esperanzas incumpridas para transformarse nunha casa común onde os seus cidadáns e os seus pobos poden dialogar e acordar.

Non era certo que a nosa sociedade tiña menos posibilidades de garantir os dereitos e liberdades dos que hoxe gozamos. Non estaba escrita a historia, senón que fomos nós os que a escribimos.

Cúmprese o desexo dunha “liberdade sen ira”. España xa non ten que elixir entre unha paz sen liberdade e unha liberdade sen paz, senón que se une ás nacións do mundo nas cales a convivencia democrática forma parte do cotián.

Por primeira vez temos unha Constitución con vencedores pero sen vencidos. Os vencedores son todos os españois. Os únicos vencidos son vellos augurios que pesaban sobre o noso ser colectivo.

A Constitución é filla do maior éxito político que se pode acadar: o acordo. Trátase da única panca eficaz para deixar ás xeracións vindeiras un legado fiable e duradeiro. Nese momento da nosa historia o verdadeiro patriotismo radicou na xenerosidade. Cada un dos actores políticos perdeu algo para que puidésemos gañar todos os españois. E, grazas a iso, foi posible aglutinar todas as sensibilidades que non moito tempo atrás parecían imposibles de incorporar nun proxecto común.

Gañamos todos cunha Constitución que tamén consagra a igualdade e respecta a diversidade. Grazas a ela, demostramos que é perfectamente compatible protexer as diferenzas entre os distintos territorios que compoñen a nosa nación e, ao tempo, establecer marcos comúns que fortalezan unha España democrática. Conformamos unha nova unidade na que a ninguén se lle nega a súa perspectiva e que nos pon de acordo no fundamental.

Aos galegos permítenos fundar tamén unha Galicia nosa. Nunca antes unha Constitución recoñecera de maneira tan explícita e unánime a pluralidade do país, e en consecuencia, os dereitos dos galegos.

Galicia é artífice da Constitución. Participa na súa elaboración e ratificación, e máis tarde fundamenta nela o seu Estatuto de Autonomía. Faise realidade unha Galicia libre nunha España libre, sen conflitos nin menoscabo da unidade esencial do noso pobo. Fomos parte activa dese fito histórico que nos trouxo á democracia e queremos seguilo sendo.

Non renunciamos a ser españois para ser galegos nin a ser galegos para ser españois. Referendamos que as identidades suman e conviven, non confrontan.

Sendo como é a Constitución un éxito da historia de España, e por tanto da historia de Galicia, o seu 40 aniversario é motivo dabondo para sentir un xustificado orgullo e avogar polo fortalecemento dos valores que a inspiraron.

Son eses valores os que sustentan a nosa liberdade, a nosa igualdade e, en definitiva, a nosa convivencia. A Constitución conserva intacta a súa vixencia como marco necesario para o diálogo e o acordo. Foino entón e tamén o é agora.

Sen descartar reformas que conciten o acordo de todos, o esencial nesta hora é revitalizar aquela tolerancia e aquel intenso diálogo que presidiron o nacemento da nosa Carta Magna. O mesmo pobo que inspirou e apoiou aquel logro sen precedentes, necesita hoxe que o espírito constitucional non esmoreza.

Hoxe máis que nunca debemos reivindicar a xenerosidade e a responsabilidade que inspirou a nosa Constitución.

Hoxe é a nosa quenda de asegurar para as vindeiras xeracións o marco de convivencia estable que nos trouxo os mellores anos, a mellor Galicia e a mellor España da nosa historia.

Ante os que intentan romper a convivencia, ante os que culpan á Constitución de todos os males, reivindiquemos que só da lei e dentro da lei poden vir as solucións dos retos presentes e futuros.

Defendamos estes corenta anos como o mellor patrimonio que nos legaron os nosos pais e tamén como o mellor que podemos deixar aos nosos fillos.


Estamos en disposición de facelo porque os valores que alberga non son anacrónicos, senón tan necesarios como hai corenta anos:

A Constitución non impide o diálogo, senón que o defende.

A Constitución non limita as nosas liberdades, senón que as garante.

A Constitución non cercea a diversidade, senón que a respecta.

A Constitución non impide o progreso social e económico, senón que o facilita.

A Constitución non nos fai inmobilistas, senón que garante que a cerna do Estado a decidamos entre todos.

E, sobre todo, a Constitución non só protexe a nosa democracia, senón que a fundamenta.

O 6 de decembro de 1978 nace unha España nova, e nace unha nova Galicia.

Son a casa da democracia e da autonomía.

Son a casa na cal podemos ser nós, na cal podemos ser libres.

 

Imaxes relacionadas
Departamento: A Presidencia da Xunta
Data de actualización: 06/12/2018