Ethel Vázquez salienta que o Plan de Transporte Público incorporará unhas tarifas homoxéneas en toda a comunidade e a gratuidade do autobús interurbano para os menores de 19 anos

Vázquez Mourelle explica que de cara a garantir un acceso igualitario ao transporte, calcularanse os prezos en función da distancia máis curta ente orixe e destino, sen ter en conta o percorrido en autobús nin os transbordos

Subliña a progresiva extensión a toda Galicia das vantaxes dispoñibles nas áreas de transporte metropolitano e engade que se prevé levar o uso da Tarxeta Xente Nova a todos os autobuses interurbanos

Indica que se ampliarán os servizos de transporte compartido e a demanda, dado o balance positivo destes 16 meses nos que 200.000 usuarios xerais empregaron a primeira modalidade e 3.000 peticións foron rexistradas na segunda

Precisa que esta transformación será complementada coas novas tecnoloxías da información e con vehículos máis eficientes, adaptados ás esixencias ambientais derivadas do cambio climático

Sinala que para acadar estes fitos nunha 2ª fase que terá un alcance de máis de 1.500 liñas, 30.000 paradas e 100.000 horarios, a Xunta vén acometendo un exhaustivo traballo de campo para atender mellor as necesidades dos usuarios

A Xunta contou coa colaboración dos concellos e realizou miles de enquisas entre os usuarios en paradas, estacións e puntos como polígonos industriais, centros de saúde ou administrativos ou campus universitarios
 

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2018
  • whatsapp

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, interveu hoxe no Parlamento de Galicia, onde subliñou que o novo Plan de transporte público de Galicia incorporará unhas tarifas homoxéneas en toda a comunidade e a gratuidade do autobús interurbano para os menores de 19 anos.

Vázquez Mourelle explicou que de cara a garantir un acceso igualitario ao transporte, calcularanse os prezos en función da distancia máis curta ente orixe e destino, sen ter en conta o percorrido en autobús nin os transbordos.

Salientou a progresiva extensión a toda Galicia das vantaxes que xa están dispoñibles nas áreas de transporte metropolitano e engadiu que se prevé levar o uso da Tarxeta Xente Nova a todos os autobuses interurbanos.

Fixo fincapé en que o novo plan suporá unha gran transformación da mobilidade dos galegos, con servizos útiles e eficientes agora e no futuro, máis sostible e viable, desde o punto de vista ambiental e económico, e máis atractivo e accesible para todos, especialmente para os veciños do rural.

A 2ª fase do plan, que se implantará no horizonte do 2019, culminará un proceso de modernización que botou a andar en agosto de 2017, cunha 1ª fase que 16 meses despois deixa un balance positivo. Así, os datos do transporte compartido, empregado por máis de 200.000 usuarios xerais e dos servizos a demanda, con 3.000 peticións, determinan a extensión o próximo ano destas novas modalidades.

Esta transformación será complementada coa implantación de novas tecnoloxías da información, para facilitar o uso do transporte público e tamén con vehículos máis eficientes, pensando en adaptarse ás novas necesidades e esixencias ambientais derivadas do cambio climático.

Traballo de campo exhaustivo

Para acadar estes fitos, a Xunta está a traballar na 2ª fase do Plan, que terá un alcance de máis de 1.500 liñas, 30.000 parada e 100.000 horarios. Dada a magnitude, o Goberno galego vén acometendo un exhaustivo traballo de campo para analizar as necesidades de transporte e definir a mellor forma de atendelas.

A Xunta contou coa colaboración dos concellos e realizáronse miles de enquisas entre os usuarios en paradas e autobús, estacións e centros de atracción de demanda, como polígonos industriais, centros administrativos, ou campus universitarios.

Estas enquisas a preto de 25.000 cidadáns para coñecer as súas necesidades de transporte reflicten que preto do 80% dos concellos se mostran a favor do transporte compartido e case o 60% do transporte a demanda ou que 3 de cada 4 usuarios ven positivos estas modalidades.

Ethel Vázquez indicou que en aras de facilitar a necesaria coordinación de todos os servizos de transporte as liñas organizaranse en 4 niveis: autonómicas, intercomarcais, comarcais e, xa a escala máis pequena, liñas municipais.

Manifestou que por iso é tan importante que os concellos de Ferrol e Pontevedra, que non teñen aínda implantado o transporte urbano ao que están obrigados, aproveiten este momento, de planificación para incrementar servizos aos cidadáns.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/12/2018