O obradoiro de emprego Mos Rehabilita formará a 20 desempregados da localidade en albanelería e xardinería

O delegado territorial, Ignacio López-Chaves, inaugurou hoxe este taller animando ao alumnado a “aproveitar a oportunidade de formarse e acceder a un traballo”

O Goberno galego inviste máis de 2 millóns de euros na posta en marcha de sete obradoiros duais na área de Vigo para formar a 140 desempreagados

Vigo, Gondomar, Baiona, Nigrán, Redondela, Mos, Soutomaior, Pazos de Borbén, Cangas e o Moaña benefícianse destes programas, que contan cun período de formación de nove meses e un contrato laboral posterior de alomenos 3 meses

Asemade, concedéronse 6 específicos para menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil co obxectivo de impulsar o emprego entre a mocidade

A Xunta mantén o seu compromiso cunha formación adaptada aos novos perfís profesionais e ás demandas reais do tecido empresarial e está a investir, neste 2018, 135 millóns de euros tanto en cualificación como en orientación
 

Mos (Pontevedra), 7 de decembro de 2018
  • whatsapp

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, achegouse hoxe ata a Axencia de Colocación de Mos para darlles a benvida aos 20 alumnos e alumnas que iniciaron a súa formación no Mos Rehabilita, o obradoiro de emprego promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración co Concello mosense.

O representante autonómico, quen estivo acompañado pola alcaldesa, Nidia Arévalo, e o xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, puxo en valor o ambicioso obxectivo da carteira autonómica con esta nova programación de obradoiros, 105 na convocatoria 2018-2019, que busca impulsar a empregabilidade de 2000 persoas en Galicia, incrementando nun 25% os fondos destinados a este programa.

López-Chaves animou ao alumnado destes talleres a “aproveitar ao máximo a oportunidade que se lles brinda e formarse para acceder a un posto de traballo” e especial fincapé fixo no esforzo inversor do Goberno galego a prol do fomento do emprego, destacando os 135 millóns de investimento en medidas centradas na orientación e na cualificación para favorecer o acceso dos galegos e galegas ao mercado laboral.

Respecto a esta nova edición do Mos Rehabilita, a Administración autonómica destina a este taller, no que se formarán 20 desempregados en albanelería e xardinería, preto de 290.000 euros. Entre as propostas, figuran a restauración de muíños e lavadoiros e a recuperación de zonas forestais degradadas, así como o mantemento de zonas verdes.

No que atinxe á área de Vigo, o Goberno galego inviste máis de 2 millóns de euros na posta en marcha de sete obradoiros duais para aumentar as oportunidades laborais de 140 desempregados. Uns programas a través dos que os beneficiarios contarán cun período de formación de nove meses coa posibilidade de optar a un contrato laboral posterior de alomenos outros tres meses

En concreto, son beneficiarios desta iniciativa xunto con Mos(Mos Rehabilita, Gondomar, Baiona e Nigrán (Valmiemprega), Vigo (Vigo Capacita V), Redondela (Redondela Vila Bela), Soutomaior e Pazos de Borbén (Hostalería Río Pequeno), Moaña (Moaña Labora III) e Cangas (Granxa da Rúa VIII).

Sistema de Garantía Xuvenil

A maiores dos sete obradoiros xerais, aprobáronse outros 6 específicos para menores de 30 anos con Vigo (Formaweb e Maiv-Garantía Xuvenil), Mos (Mos coa Mocidade II), Moaña (O.E.Moaña Moza), Redondela (Redemprega) e O Porriño (Porriño Social) como concellos promotores. O número de alumnos é de 16 en todos os casos e a duración da formación e emprego de 6 meses. A Xunta destina a estes obradoiros máis dun millón de euros.

Novidades dos obradoiros duais

Ata o de agora, os obradoiros de emprego ofrecían ás persoas sen traballo cualificación e un contrato de aprendizaxe durante 9 meses. Agora, ademais, a Xunta apoiará a contratación, como mínimo de 3 meses e a xornada completa, nunha empresa, onde os alumnos e alumnas do obradoiro poderán realizar as súas prácticas. A actuación do Goberno galego combina, polo tanto, a formación co desenvolvemento dun traballo efectivo, xa que as persoas beneficiarias disporán dun contrato de traballo e percibirán un salario durante a súa participación nesta actividade.

Outra das novidades desta convocatoria de axudas é que puideron concorrer ás mesmas non só os concellos (entre os que se deu prioridade aos concellos emprendedores como Redondela e Mos no caso da área de Vigo), asociacións de entidades locais e mancomunidades, senón tamén entidades sen ánimo de lucro do sector forestal constituídas e rexistradas como asociacións. Así mesmo, a través da participación neste programa, os alumnos e alumnas seguirán recibindo, ao remate da formación, un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/12/2018