Ethel Vázquez informa ao alcalde de Vimianzo das actuacións previstas por Augas de Galicia para paliar os danos causados polos asolagamentos

A conselleira entregoulle ao rexedor o informe das inspeccións realizadas por Augas de Galicia nas zonas de Vimianzo, Camariñas e Muxía afectadas polas fortes chuvias do pasado 24 de novembro, onde tamén se mobilizaron os medios de conservación de estradas

Avanza que os técnicos da Xunta inspeccionaron 56 puntos afectados polos desbordamentos en Vimianzo

A vindeira semana comezarán os traballos de retirada de obstáculos no río Carnés en Cereixo, onde a actuación se considera máis prioritaria

Informa das actuacións de desentullo identificadas como necesarias nos treitos urbanos dos ríos, cuxa limpeza é competencia é municipal
 

A Coruña, 7 de decembro de 2018
  • whatsapp

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou hoxe ao alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo, das actuacións que prevé desenvolver Augas de Galicia para paliar os danos causados polos asolagamentos na Costa da Morte.

Na xuntanza que esta mañá mantiveron na Delegación da Xunta na Coruña, a conselleira entregoulle ao rexedor o informe sobre as inspeccións realizadas de oficio por Augas de Galicia nas zonas de Vimianzo, Camariñas e Muxía afectadas polas fortes chuvias que se rexistraron o pasado 24 de novembro.

Ethel Vázquez explicou que, pese a non ter recibido comunicación dos problemas por parte dos concellos afectados, en canto tivo coñecemento do sucedido, a Xunta mobilizou os medios de Augas de Galicia e de conservación de estradas coa fin de coñecer o antes posible o alcance dos danos e planificar a súa reparación.

No caso concreto de Vimianzo, os técnicos de Augas de Galicia inspeccionaron un total de 56 puntos afectados e planificaron un conxunto de actuacións que comezarán a vindeira semana coa retirada de obstáculos no río Carnés, en Cereixo, onde se considera máis prioritario actuar.

Ademais, a conselleira informou ao alcalde das actuacións de desentullo identificadas como necesarias nos treitos urbanos dos ríos, cuxa limpeza é competencia é municipal.

Na xuntanza, Ethel Vázquez trasladoulle ao alcalde de Vimianzo a necesidade de abordar desde unha perspectiva global e conxunta entre todas as administracións a adopción de medidas para previr os asolagamentos nas zonas identificadas como de risco. Nese sentido, apuntou que a zona do rego de Cambeda está cataloga da como área de risco potencial significativo de inundación sobre a que Augas de Galicia dispón xa dun estudo e se desenvolverá un plan específico de prevención.

Finalmente, en relación coa demanda do Concello para a instalación de medidas que eviten a infiltración de augas pluviais que alteran o funcionamento da depuradora, a conselleira asegurou que a Xunta valorará a posibilidade de colaborar nesa actuación sempre que se conte cun acordo a tres bandas no que se implique tamén a Deputación da Coruña, tendo en conta que o saneamento e a depuración son responsabilidades municipais.

Proxecto de glorieta en Baíñas

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e o alcalde de Vimianzo abordaron tamén no seu encontro a posibilidade de construción dunha glorieta en Baíñas para artellar a conexión entre a estrada autonómica AC-441 coa vía municipal coa que conflúe. Ethel Vázquez informou de que a Xunta vai iniciar a redacción do proxecto construtivo desa actuación.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/12/2018