Medio Ambiente investirá preto de cinco millóns na compra e rehabilitación de 13 inmobles no casco histórico de Ferrol

Esta operación enmárcase no programa Rexurbe, unha iniciativa impulsada este ano polo IGVS co fin de adquirir edificios en estado de abandono nos concellos de Ferrol, Betanzos, Ourense e Lugo para destinalos a vivendas protexidas

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliña que o seu departamento ten comprometidos case 11 millóns de euros en diferentes actuacións e proxectos a futuro que porán a disposición dos veciños de Ferrol Vello 38 novas vivendas protexidas e 1 local comercial

Tamén salienta os 7,46 millóns de euros executados ou previstos en axudas para accións de recuperación das catro áreas de rehabilitación integral do concello

Ferrol, 11 de decembro de 2018
  • whatsapp

A Xunta investirá preto de cinco millóns de euros na adquisición e rehabilitación dun total de 13 inmobles localizados no casco histórico de Ferrol co fin de destinalos a vivendas protexidas. O obxectivo é pechar a operación de compra antes de que remate o ano, tal e como avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no transcurso dunha visita á cidade.

Estas novas actuacións enmárcanse no chamado programa Rexurbe, unha iniciativa pioneira impulsada polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) co fin de adquirir para rehabilitar edificios en estado de abandono e deteriorados nos concellos de Ferrol, Betanzos, Ourense e Lugo. Con este obxectivo, Vázquez Mejuto explicou que o instituto sacou a comezos de ano unha oferta pública para a compra de inmobles e tras analizar todas as propostas recibidas en Ferrol, escolleu un total de 13 edificios que prevé mercar antes de que remate decembro por un total de 900.000 euros.

A esta cantidade engadiranse os catro millóns de euros reservados para acometer as obras de restauración necesarias para poder destinar estes inmobles a vivenda protexida. Neste sentido, a conselleira concretou que grazas ás actuacións previstas no marco do Rexurbe e a outros dous proxectos que o IGVS ten xa en marcha no casco histórico, os ferroláns terán á súa disposición 38 novas vivendas protexidas e 1 local comercial, que se sumarán aos outros 12 pisos xa restaurados nesta zona por Xestur.

A estes novos proxectos en materia de rehabilitación no casco histórico cómpre sumar tamén o investimento realizado e previsto co fin de poñer en valor a área de rehabilitación integral (ARI) da Madalena e Ferrol Vello. En total, a consellería destinará a esta zona 10,73 millóns de euros, incluídos os case cinco millóns de euros comprometidos para o Rexurbe, o medio millón que se investirá nos dous proxectos xa redactados para conseguir catro vivendas de protección e un local nas rúas Argüelles e Virxe, e os máis de cinco millóns executados nos últimos anos ou en execución para axudas dentro da ARI.

Máis alá das actuacións en marcha e previstas en Ferrol Vello, Ángeles Vázquez salientou o esforzo realizado polo seu departamento en materia de vivenda no conxunto deste municipio. Concretamente, referiuse ao importante investimento comprometido en rehabilitación nas catro ARIS da cidade: Madalena e Ferrol Vello, Barrio da Graña, Barrio de Esteiro Vello e Barrio de Recimil.

Estas catro zonas, engadiu, recibirán un importante pulo a través dos 7,46 millóns de euros executados xa ou comprometidos en axudas a particulares para acometer a rehabilitación dos seus inmobles.

Aposta decidida pola rehabilitación

A aposta da Xunta polas medidas para garantir a recuperación do patrimonio xa construído terá o seu reflexo nos orzamentos do próximo ano. Así o salientou a conselleira, quen lembrou que este capítulo recibirá un pulo importante ao dispoñer de 36 millóns para financiar os distintos programas e axudas á rehabilitación promovidos polo IGVS. Neste sentido, resaltou que as partidas reservadas para este tipo de actuacións creceron só nos dous últimos anos un 20%.

O esforzo económico da Xunta verase tamén reforzado coas novidades normativas nas que traballa o seu departamento. Ángeles Vázquez referiuse concretamente á futura Lei de Rehabilitación, a primeira de Galicia e cuxa tramitación continúa avanzando co fin de axilizar e mellorar os procedementos necesarios para impulsar este tipo de actuacións.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/12/2018