A Xunta aposta pola formación, a innovación e o deseño para a mellora da competitividade da industria forestal de Galicia

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou hoxe na Veiga na xornada ‘Industria forestal e polígonos agro-forestais’ na que presentou os eixos principais da política industrial forestal de Galicia

Destacou que é un ámbito estratéxico para a Comunidade polo seu asentamento no rural salientando que xera na actualidade máis de 20.000 postos de traballo cunha facturación de 2200 millóns de euros

A Xunta está a traballar en medidas que buscan xerar riqueza, emprego e novas oportunidades para o rural galego a través dun monte sostible, produtivo e máis protexido
 

A Veiga (Ourense), 11 de decembro de 2018

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou hoxe na Veiga na xornada Industria forestal e polígonos agro-forestais onde presentou os eixos principais da política industrial forestal de Galicia que se centran na formación, a innovación e o deseño para a mellora da competitividade.

Lema destacou o carácter estratéxico desta industria polo seu asentamento no rural que xera máis de 20.000 postos de traballo e conta cunha facturación de 2200 millóns de euros. Así mesmo, salientou a importancia do recurso da madeira lembrando que en 2017 houbo máis de 117.000 solicitudes de corta de particulares, o que supón máis de 7,5 millóns de metros cúbicos. Así, indicou que a política industrial forestal de Galicia enmárcase na estratexia europea da bioeconomía e busca aproveitar de forma eficiente a madeira para crear novos produtos. De feito, a Xunta traballa para a simplificación administrativa das solicitudes de corta.

O director da Axencia sinalou, así mesmo, que a Xunta está a traballar en medidas que buscan xerar riqueza, emprego e novas oportunidades para o rural galego a través dun monte sostible, produtivo e máis protexido deseñando, para iso, iniciativas para acompañar a esta industria nunha ruta que permita xerar valor ao longo de toda a cadea.

Apuntou que, a través de Xera, xa se están mobilizando preto de 30M€ en investimentos para que as pemes da industria forestal gañen en competitividade a través da innovación e que xa se está a executar a primeira estratexia sectorial de formación. No ámbito da innovación fixo referencia ao proxecto do CIS Madeira para o aproveitamento como combustible de silveiras e resto de podas de vide e kiwi e á aposta da Axencia Galega de Innovación (Gain) pola utilización de drons no eido forestal.

En palabras de Lema, o reto da Administración autonómica neste ámbito pasa por acompañar ás empresas na mellora da súa competitividade a través da formación, a innovación e o deseño.
 

Data de actualización: 11/12/2018