A Xunta colaborará con Salvamento no dispositivo de busca do ‘Sin querer dos’ ordeando retirar os aparellos da zona do naufraxio

A medida, adoptada a petición do ente estatal, pretende facilitar a localización exacta do barco e o rastrexo da zona na procura do tripulante desaparecido

A instancias de Salvamento Marítimo, solicítase a retirada de aparellos e prohíbese a actividade pesqueira nun radio de dúas millas desde o punto no que se produciu o afundimento

A medida entra en vigor hoxe ás 15.00 horas e esténdese ata o vindeiro martes, 1 de xaneiro de 2019

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2018
  • whatsapp

A instancias de Salvamento Marítimo, a Consellería do Mar ven de ordear a prohibición da pesca e a retirada dos aparellos da zona do afundimento do pesqueiro Sin querer dos para contribuír a facilitar a localización exacta do barco e poder proceder ao seu rastrexo na procura do tripulante que aínda está desaparecido.

A Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica emitiu unha resolución comunicando que, debido ás necesidades técnicas do equipo que se emprega, é preciso que a zona de busca se atope libre de aparellos e sen interferencia da actividade pesqueira. Por este motivo, queda prohibida a pesca con calquera arte ou modalidade pesqueira nunha zona de dúas millas de radio dende o punto en que se considera que se produciu o afundimento desde as 15.00 horas de hoxe ata as 00.00 horas do 1 de xaneiro de 2019, datas nas que están previstas as actividades de busca e rastrexo.

A resolución, que xa foi comunicada ás federacións de confrarías de Galicia, tamén establece a retirada inmediata dos aparellos desa zona de dúas millas de radio desde as 15.00 horas de hoxe ata as 00.00 horas do 1 de xaneiro de 2019.

Nos traballos para coñecer a localización exacta do Sin querer dos participa a embarcación do Servizo de Gardacostas, dependente da Consellería do Mar, Sebastián de Ocampo. Nas inmediacións continúan os labores para atopar ao tripulante desaparecido no naufraxio o mércores da semana pasada.

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 28/12/2018