O Servizo de Inspección Ambiental da Xunta obtén un certificado de calidade internacional en recoñecemento á súa excelencia

Auditores especializados acreditan coa ISO 9001:2015, recoñecida a nivel mundial, a calidade do traballo e da xestión realizadas polos inspectores de Intervención Ambiental, servizo dependente da Consellería de Medio Ambiente

Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2019
  • whatsapp

O Servizo de Intervención Ambiental, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, vén de acadar un certificado internacional en recoñecemento da excelencia e calidade demostradas no exercicio do seu labor inspector dentro da comunidade autónoma.

A Inspección Ambiental de Galicia decidiu implantar, por primeira vez en España, un sistema de xestión de calidade en base á norma ISO 9001:2015 para a actividade de xestión, control, coordinación e seguimento que se desenvolve no marco dos plans e programas establecidos pola Administración autonómica de Galicia con competencias en materia de medio ambiente. Os inspectores galegos sitúanse así á vangarda no conxunto do país, na súa busca da excelencia e a calidade na prestación deste servizo público.

A través deste tipo de certificado, que ten un recoñecemento a nivel mundial, auditores especializados acreditan que unha organización conta con todos os elementos que precisa para ter un sistema efectivo que lle permite administrar e mellorar a calidade dos seus produtos ou servizos.

O labor inspector en Galicia

A inspección ambiental en Galicia constitúe o instrumento esencial para garantir e facer efectivo o cumprimento da lexislación ambiental, a través da detección de infraccións e da colaboración cos titulares de actividades e instalacións, informándolles das obrigas e responsabilidade e potenciando unha cultura de responsabilidade.

En definitiva, o labor dos inspectores adscritos a este servizo consiste en comprobar o grao de cumprimento da normativa ambiental e dos requisitos sinalados nas autorizacións e avaliacións ambientais; coa finalidade de prever calquera dano medioambiental e de acadar un nivel elevado de protección do medio natural, potenciando unha cultura ecolóxica nas actividades económicas que fomente os sistemas de autocontrol e xestión medioambiental.

Data de actualización: 01/01/2019