A Xunta incrementa nun 17% o orzamento destinado ás axudas complementarias do programa Erasmus+

Elévase ata os 1.751.000 euros

Deste xeito, todos os estudantes galegos que tiveran dereito ás axudas europeas poderán ter acceso tamén ás axudas complementarias autonómicas
 

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2019

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190102/AnuncioG0534-051218-0002_gl.html) a convocatoria de axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do Programa comunitario "Erasmus+", para o alumnado do Sistema universitario de Galicia que participa en Erasmus Estudos no curso 2018/2019, que conta desta vez cun orzamento de 1.751.000 euros, case un 17% máis ca na anterior convocatoria. Deste xeito, todos os estudantes galegos que tiveran dereito ás axudas europeas poderán ter acceso tamén ás axudas complementarias autonómicas.

A duración das axudas e a súa contía mantense invariable, despois do incremento do curso pasado, cando o mínimo ao mes pasou de 105 aos 125 euros, a axuda intermedia de 145 a 165 e a máxima se elevou de 175 a 195 euros, en función dos países de destino. Cómpre lembrar que a convocatoria galega contempla axudas para estancias de ata nove meses, o que complementa as axudas europeas, que se limitan a sete meses de duración.

Tal como queda reflectido na convocatoria, a solicitude da axuda deberá realizarse exclusivamente por medios telemáticos, a través de calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal), incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). O prazo para tramitar as solicitudes estará aberto desde mañá ata o día 2 de febreiro.

No curso 2017/18 beneficiáronse destas bolsas a totalidade dos alumnos solicitantes que participaron no programa Erasmus Estudos, que foron total de 950 estudantes.

Contías mensuais

Os universitarios beneficiados percibirán bolsas que oscilan entre os 125 e os 195 euros/mes (que se suman ás axudas europeas), en función do país de destino, durante a estadía que pode durar entre os tres e os nove meses. En concreto, o importe será de 195 euros/mes para os países de destino do grupo 1 (Dinamarca, Irlanda, Francia, Italia, Austria, Finlandia, Suecia, Reino Unido, Liechtenstein, Noruega e Suíza), de 165 euros/mes para os do grupo 2 (Bélxica, República Checa, Alemaña, Grecia, Croacia, Chipre, Luxemburgo, Países Baixos, Portugal, Eslovenia, Islandia e Turquía) e de 125 euros/mes para os do grupo 3 (Bulgaria, Estonia, Letonia, Lituania, Hungría, Malta, Polonia, Romanía, Eslovaquia e Antiga República Iugoslava de Macedonia).

Unha vez distribuída pola Comisión Avaliadora a contía uniforme en función dos grupos de países o orzamento restante dispoñible, se o houber, adxudicarase entre os solicitantes que posúan unha maior media no seu expediente académico e asignaráselles unha contía uniforme de 500 euros ata esgotar o orzamento.

Para solicitar a bolsa o estudante deberá estar matriculado no curso 2017/18 en calquera das universidades públicas do SUG, para realizar estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao; e participar no devandito programa de mobilidade universitaria, sendo tamén beneficiario da axuda do programa Erasmus+ xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación. Non poderán optar á axuda os que xa gozaran dela en convocatorias anteriores e mais o alumnado que, con nacionalidade distinta á española, realice a mobilidade nos seus países de orixe.

Estas axudas enmárcanse dentro das iniciativas do Goberno galego a prol dun sistema educativo de calidade e con igualdade de oportunidades independentemente dos recursos económicos das familias. Así, a Consellería de Educación apoia aos estudantes para que poidan completar os seus estudos universitarios fóra do territorio español; e favorece un ano máis a mobilidade estudantil, no sentido de adquirir, actualizar, completar e ampliar as súas capacidades, coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias para o seu desenvolvemento persoal e profesional.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/01/2019