A Xunta licita por máis de 615.000 euros un estudo en distintos encoros do ámbito xeográfico de Galicia-Costa para poder mellorar a calidade das súas augas

As empresas interesadas neste contrato dispoñen ata o vindeiro 29 de xaneiro para presentar as súas ofertas

Os encoros incluídos neste estudio son os de Forcadas, Cecebre, Barrié de La Maza, Portodemouros, Beche, Ribeira, Eume, Santa Uxía, Fervenza, Sistema Vilagudín máis San Cosmade e Eiras

Os traballos buscan compatibilizar as actividades que se levan a cabo a carón dos encoros, como as agrícolas e forestais, co uso da auga que se almacena neles

Con este contrato a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, buscará medidas correctoras axustadas a cada un dos encoros analizados para acadar o cumprimento dos obxectivos ambientais
 

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2019
  • whatsapp

A consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de licitar hoxe por máis de 615.000 euros a contratación dun estudo de detalle en distintos encoros do ámbito xeográfico de Galicia-Costa para determinar a orixe dos factores responsables dos impactos nas masas de auga e poder mellorar a súa calidade.

As empresas interesadas en desenvolver este traballo teñen un prazo de presentación de ofertas que finaliza o vindeiro día 29 de xaneiro de 2019.

En concreto, os traballos a contratar van encamiñados a coñecer cales son os factores que actúan como responsables dos impactos de maior relevancia observados nos encoros de Forcadas, Cecebre, Barrié de La Maza, Portodemouros, Beche, Ribeira, Eume, Santa Uxía, Fervenza, Sistema Vilagudín máis San Cosmade e Eiras.

Estes traballos encádranse dentro da planificación hidrolóxica que desenvolve Augas de Galicia. Teñen como finalidade última establecer medidas para reverter os resultados de calidade desfavorables que se están a obter nalgúns encoros de Galicia Costa nos últimos anos. Para elo, buscarase o xeito de compatibilizar as actividades que se levan a cabo a carón dos encoros, como as agrícolas e forestais, co uso da auga que se almacena neles. Deste xeito, a modo de exemplo, poderanse reducir os procesos de eutrofización ou os episodios de cianobacterias nestes embalses.

No estudo se inclúe a realización de diferentes tarefas para a obtención e tratamento de datos e análise da información de interese para diagnosticar os procesos e actividades responsables das afeccións detectadas nas masas de auga tipo nestes encoros da demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.

Con este contrato Augas de Galicia trata de obter pautas de actuacións e medidas correctoras axustadas a cada un dos encoros estudados no ámbito xeográfico de Galicia-Costa, que permitan acadar o cumprimento dos obxectivos ambientais.
 

Data de actualización: 03/01/2019