A Policía autonómica detén tres persoas por furtivismo na zona de Ferrol

Comisáronse 400 vieiras, un vehículo para o transporte da mesma e unha embarcación
 

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2019

A Policía Autonómica vén de deter tres persoas por presuntos delitos de furtivismo, contra a saúde pública, tráfico de xénero corrompido e banda organizada. Comisáronse 400 vieiras, un vehículo para o transporte da vieira e unha embarcación.

Os tres detidos polos axentes do grupo ERPOL da Policía Autonómica, en colaboración co servizo de Gardacostas, contaban con autorización en vigor para o marisqueo, ademais de dispoñer de cadansúa embarcación. Os investigados faenaban a diario facendo uso da súa condición de mariscadores da Confraría de Ferrol e cumprindo, aparentemente, coa lexislación vixente en canto á cota, tipo de captura, e artes a empregar.

No entanto, e despois de extraer o marisco segundo á norma, dedicábanse á recollida de vieira do fondo da ría, ignorando as prohibicións e ocultando a súa captura en capachos e bolsas plásticas para non ser detectados polas forzas e corpos de seguridade, vixilantes do porto e compañeiros e directivos da Confraría.

Os detidos comercializaban o produto con diversos particulares da zona de Ferrol, vulnerando así as normas reguladoras de rastrexabilidade alimenticia, sanitaria e fiscal.

Cómpre destacar que a vieira comisada e analizada contiña cantidades de toxina que cuadriplicaban a taxa legalmente establecida.

Polos feitos descritos, tramitáronse dilixencias ao xulgado de garda de Ferrol.