O 061 de Galicia asistiu a 73 persoas por 57 accidentes de circulación durante a fin de semana

Desde as 15:00 horas do venres 4 de xaneiro ata as 23:59 horas do domingo 6 de xaneiro, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 66 chamadas por accidentes de tráfico
 

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2019
  • whatsapp

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana a 73 persoas debido a 57 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15:00 horas do venres, 4 de xaneiro ata as 23:59 horas do domingo, 6 de xaneiro. O día que rexistrou máis incidentes foi o sábado con 29 accidentes.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 66 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 57 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon un total de 73 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 59 % e do 41 % respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 22 % dos atendidos tiña entre os 25 e os 39 anos.

Por provincias, A Coruña foi a que rexistrou máis accidentes con 27 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas. 

Provincia
Accidentes

A Coruña

27
Lugo
3
Ourense
5
Pontevedra
22
Galicia
57

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 76. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado atenderon en cinco accidentes, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 63 sinistros e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en cinco accidentes. As ambulancias convencionais asistiron en tres ocasións.

En 59 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en 12 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e dúas persoas resultaron falecidas no punto.

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 07/01/2019