Educación concede máis de 14 millóns de euros en axudas a 69 grupos de investigación de referencia competitiva e de potencial crecemento nas universidades do SUG

Deste xeito 179 grupos de investigación do SUG contarán con financiamento estrutural estable dentro do programa de consolidación da investigación nas universidades
 

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2019
  • whatsapp

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución das axudas a grupos de investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG), o que supón un importe de máis de 14 millóns de euros. Do total das 69 axudas concedidas, 44 son da modalidade de Grupos de Referencia Competitiva e 25 da modalidade de Grupos de Potencial Crecemento.

As 69 axudas outorgadas súmanse ás dos 110 grupos que a teñen vixente, para acadar un total de 179 grupos con financiamento estrutural estable. Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso coa investigación universitaria de excelencia axudando á consolidación, estruturación e especialización das unidades de investigación máis competitivas do SUG. Non en balde, a convocatoria do ano 2019, que conta cun orzamento de máis de 10,4 millóns de euros tramitouse por anticipado e está pendente de publicarse no DOG.

Grupos de Referencia Competitiva

As axudas para Grupos de Referencia Competitiva van dirixidas á consolidación de grupos de investigación do SUG que pola súa produción científica e a súa actividade de I+D constitúan unha referencia no Sistema Galego de Innovación. Ao remate da segunda anualidade serán sometidas a unha avaliación que determinará a súa continuidade. Este apoio supón o pago anual dunha contía fixa máis outra variable asociada á evolución na xeración de recursos por parte do grupo como un indicador xenérico da súa competencia e capacidade de consolidación.

Así, a axuda constará de dous módulos. O primeiro deles, estrutural anual, estará composto dun fixo de 30.000 € na anualidade de 2019 e de 35.000 € nas anualidades de 2020 e 2021. A isto engádeselle un variable máximo de 30.000 € na anualidade de 2019 e de 35.000 € nas anualidades de 2020 e 2021, tendo en conta os ingresos medios do grupo. Trátase así de axustar o orzamento ás posibilidades reais de execución anuais en función do número de solicitudes avaliadas positivamente e dos recursos dispoñibles. O segundo, variable, acumulable ao anterior, en función dos ingresos anuais medios do grupo nos tres exercicios anteriores á concesión, será de entre 20.000 € e 70.000 € ao ano. Isto supón que se destinarán 11.840.000 euros para a financiación de grupos de referencia competitiva.

Grupos con Potencial de Crecemento

No caso dos Grupos con Potencial de Crecemento (GPC), a convocatoria diríxese á consolidación de grupos de investigación do SUG que pola súa produción científica e a súa actividade de I+D amosan potencial de crecemento ata converterse en grupos de referencia do SUG. As axudas serán de aplicación por un período de dous anos, mediante o pago anual dunha contía fixa de 45.000 euros, o que supón unha achega de 2.250.000 euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/01/2019