Medio Rural cédelle ao concello de Abadín tres predios da parcelaria de Fanoi para equipamentos municipais

Estes terreos foron solicitados polo propio municipio e dedicaranse ao desenvolvemento de actividades culturais e deportivas e á creación dunha área recreativa e dun aparcadoiro

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2019

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe un anuncio da Consellería do Medio Rural sobre a cesión da titularidade de predios ao concello lugués de Abadín para actuacións que van redundar en beneficio dos veciños. Estes terreos proceden da masa común da parcelaria de Fanoi, actualmente en fase de acordo.

En total son tres as leiras que se ceden a petición do propio concello, para o seu uso como por exemplo área recreativa, aparcadoiro e instalacións de actividades culturais e deportivas. A cesión xa está formalizada e a partir de agora o concello terá cinco anos para cumprir cos fins para os que foron adxudicados.

Así, estes predios pasan a ser propiedade do concello despois de que este solicitara a cesión da súa titularidade para diversos equipamentos colectivos, ao amparo do disposto pola lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga). Segundo esta norma, cando un proceso de reorganización do territorio aínda non está rematado, os municipios poden solicitar a cesión da titularidade dunha porcentaxe dos terreos da masa común para fins de equipamentos colectivos.

 

Data de actualización: 09/01/2019