A Xunta presenta a nova sinalización con pictogramas para facer máis accesible a sede central de San Caetano

Preténdese que esta iniciativa sirva de referencia e exemplo para outras administracións, empresas e entidades

Tamén está en marcha un proxecto piloto para adaptar as sentenzas e documentos xudiciais á lectura fácil para persoas con discapacidade intelectual
 

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2019

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, salientaron hoxe o avance cara a unha sociedade máis inclusiva para todas as galegas e galegos que supón a sinalización con pictogramas do complexo administrativo de San Caetano. Fixérono na presentación desta iniciativa elaborada en colaboración con Autismo Galicia, que supuxo a instalación na sede central da Xunta de máis de 200 indicadores adaptados para a súa lectura e comprensión por parte de persoas con capacidades diversas.

Na súa intervención, o vicepresidente Alfonso Rueda indicou que este é un paso máis que leva a cabo a Xunta en prol da inclusión para facer así unha Administración máis próxima, máis útil e máis accesible a todos os cidadáns.

Nesta liña, lembrou que se asinou recentemente un convenio con Fademga para levar a cabo un proxecto piloto co fin de adaptar as sentenzas e documentos xudiciais á lectura fácil para persoas con discapacidade intelectual.

O vicepresidente apuntou que este traballo fai que as dependencias de San Caetano sexan plenamente accesibles para todos os cidadáns, sexan cales sexan as súas capacidades. Resaltou a dificultade que supón moverse por este edificio administrativo para as persoas con discapacidade cognitiva e alteracións na linguaxe. Por esta razón, manifestou que eliminar as barreiras comunicativas e cognitivas tamén é de gran importancia para conseguir a accesibilidade universal.

Rueda sinalou que o obxectivo é que estes indicativos sirvan de referencia e exemplo para que moitas outras administracións, empresas e entidades abran tamén as súas portas ás galegas e galegos con diferentes capacidades. Así mesmo, marcou como obxectivo para este ano que uso de pictogramas non se limite só ás oficinas de San Caetano, senón que sexan habituais no espazo público.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/01/2019