A conselleira de Política Social participou esta mañá nun almorzo con Executivas de Galicia
Fabiola García avoga por unha maior implicación das administracións e as empresas para avanzar na conciliación

Marca como obxectivo prioritario que as familias dispoñan de máis tempo para estar coas fillas e fillos e tamén para atender aos maiores

Destaca o aumento dos permisos de maternidade e paternidade para as empregadas e os empregados da Xunta

Subliña o incremento das axudas directas e dos servizos dirixidos a facilitar a conciliación, como a Tarxeta Benvida, os bonos Concilia e Coidado, as casas Niño e do Maior ou as máis de 24.000 prazas públicas de escola infantil coas que conta hoxe Galicia, o dobre que en 2009

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2019
  • whatsapp

A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou esta mañá, durante un almorzo con Executivas de Galicia, a necesidade de que administracións e sector privado tomen conciencia da importancia de avanzar en materia de conciliación. Nesta liña, sinalou que dispoñer de máis tempo para estar coas fillas e fillos e tamén para atender ás persoas maiores é un obxectivo prioritario do Goberno galego que este ano investirá 143 millóns de euros en políticas activas de apoio ás familias, o triplo do que se dedicaba a este fin en 2009.

Fabiola García apuntou que as administracións deben dar exemplo e servir de referencia para as demais institucións e empresas. Ao respecto, puxo en valor o incremento da duración das baixas por maternidade e paternidade das empregadas e dos empregados da Xunta. No primeiro caso de 20 a 22 semanas, e no segundo de 4 a 5 semanas, e proximamente se ampliarán ata as 7.

Ademais, a conselleira referiuse ás medidas que se están a desenvolver para dar máis facilidades co fin de acadar o obxectivo da conciliación. No ámbito das prestacións, destacou as máis de 40.000 nenas e nenas que recibiron a Tarxeta Benvida desde a súa creación en 2016, que 4400 familias recibiron este curso o bono Concilia para que puideran escoller a escola infantil para a súa nena ou neno ou que a día de hoxe se levan concedidos 400 bonos Coidado.

En canto á mellora dos servizos postos a disposición das familias, resaltou que na actualidade Galicia conta con máis de 24.000 prazas públicas de escola infantil, o dobre das que había en 2009, unha rede de recursos de conciliación no rural a través das Casas Niño, escolas infantís en polígonos industriais ou coas novas Casas do Maior, que entrarán en funcionamento nos vindeiros meses.

Fabiola García subliñou tamén a importancia que teñen as mulleres que ocupan postos de responsabilidade nas empresas, pois son modelos de éxito que serven de referencia e que permiten avanzar cara a igualdade real. Neste sentido, considerou imprescindible que as mulleres profesionais e executivas poidan compatibilizar a vida persoal coa carreira profesional.

Así mesmo, avogou porque Galicia sexa unha comunidade situada á vangarda en materia de conciliación e apoio ás familias, un obxectivo que a nivel normativo quedará recollido na primeira Lei de impulso demográfico, que se levará ao Parlamento este ano. Neste sentido, agradeceu a disposición de Executivas de Galicia que traballan en propostas para a conciliación familiar dentro do marco do reto demográfico.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/01/2019