O conselleiro do Medio Rural recibiu hoxe á alcaldesa de Mondoñedo en San Caetano
José González adianta que as axudas para os mercados de proximidade se convocarán nesta primavera

Elena Candia interesouse polas medidas que ten en marcha a Consellería do Medio Rural para apoiar aos produtores locais

Ademais, o conselleiro explicou que as parcelarias do concello seguen o seu curso de cara a obter a firmeza de acordo

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2019
  • whatsapp

O conselleiro do Medio Rural, José González, recibiu hoxe en San Caetano á alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, á que adiantou que as novas axudas para o establecemento de canles curtas de distribución sairán convocadas na primavera. O obxectivo desta orde é fomentar a cooperación entre pequenos produtores para a creación e consolidación de mercados locais e cadeas curtas de distribución, cun só intermediario entre produtor e consumidor.

O conselleiro trasladoulle á alcaldesa que poderán ser beneficiarios destas axudas os colectivos de agricultores, gandeiros e microempresas dun mesmo ámbito rural de Galicia, cun mínimo de dous socios, constituídas baixo calquera fórmula xurídica admisible, co obxecto de promocionar a produción conxunta e ordenada, así como a comercialización da súa produción en mercados locais ou a través de canais curtos de distribución. As entidades locais poderán participar como impulsores e animadores das iniciativas levadas a cabo nos seus territorios. Inclúense, así mesmo, centros tecnolóxicos e/ou de experimentación e investigación, universidades, asociacións de consumidores, hostalaría, comedores escolares, comedores de empresa, comida a domicilio ou catering, restauración e turismo, entre outras.

Deste xeito, José González explicoulle a Elena Candia que os produtores de horta de Mondoñedo, así como do resto doutras zonas de Galicia, poderán solicitar estas subvencións que fomentarán un maior equilibro na cadea de valor da produción agroalimentaria. Esta medida, ademais, completarase cun segundo apartado destinado ao investimento en infraestruturas para a creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais relacionados cos mercados de proximidade. Esta segunda parte das achegas encargaranse, polo tanto, de financiar a adecuación de áreas, espazos ou terreos, a reforma, rehabilitación ou construción de instalacións fixas ou desmontables, e as dotacións comúns, equipamentos ou mobiliario.

Ademais, a alcaldesa aproveitou o encontro para coñecer o estado das dúas reestruturacións parcelarias en marcha no municipio, a de Mondoñedo norte e a de Sasdónigas. Neste aspecto, o titular de Medio Rural explicoulle que en ambos casos a consellería está traballando nos últimos pasos de cara a chegar á firmeza de acordo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/01/2019