O director xeral de Asistencia Sanitaria destaca na comisión de investigación de Sanidade a evolución da xestión da Consellería

O tempo medio de espera cirúrxica acadado foi o mellor dos últimos 13 anos, con 59,8 días respecto aos 93 do Sistema Nacional de Salud

En primeiras consultas de enfermidade de atención hospitalaria Galicia ten un tempo medio de espera de 37,3 días, 20 días menos que a media de España

Na área diagnóstica, as esperas para probas reducíronse en 10 días
 

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2019
  • whatsapp

O director xeral de asistencia sanitaria, Jorge Aboal, presentou hoxe os resultados de xestión da Consellería nestes últimos anos no marco da comisión de investigación de Sanidade que se está a levar a cabo no Parlamento. Aboal destacou a constante evolución na xestión sanitaria do Servizo Galego de Saúde como a razón principal da mellora dos resultados.

No referido á área cirúrxica, Jorge Aboal destacou dous dos eixos da Estratexia Sergas 2020 como son a mellora da saúde da cidadanía e a utilización dos recursos cirúrxicos. Así, a 30 de xuño de 2018, o tempo medio de espera para unha cirurxía no Servizo Galego de Saúde foi de 59,8 días, o mellor datos dos últimos 13 anos. En canto aos pacientes en lista de espera cirúrxica, había 1.543 menos que na mesma data de 2017 (36.361 e 37.904 respectivamente). Comparando co resto de España, Galicia é a cuarta comunidade autónoma con menor tempo de espera cirúrxica: a media no Sistema Nacional de Salud (SNS) foi de 93 días, 33,2 días máis que no Sergas.

O director xeral de asistencia sanitaria, sinalou tamén a evolución positiva dos datos da área de consultas de enfermidade, debido ao incremento da capacidade resolutiva dos profesionais grazas a Ianus, a consulta telefónica, a consulta de alta resolución e-interconsultas e as vías rápidas. No caso concreto das vías rápidas de cancro, Galicia tiña implantadas en 2018 as do cancro de mama, colon, pulmón, próstata, vexiga, melanoma e cabeza e colo. En canto ao tempo medio de espera de primeiras consultas de enfermidade de atención hospitalaria, foi de 37,3 días no Sergas. Este é o segundo mellor dato dos últimos 11 anos e é 20 días mellor que no SNS, onde a media foi de 57 días. Estes números converten a Galicia na quinta comunidade autónoma co menor tempo medio de espera para as consultas hospitalarias de enfermidade.

Respecto á área diagnóstica, Aboal referiuse de novo a Estratexia Sergas 2020 que fai fincapé en incrementar o grao de resolución con medidas como a extensión da telemedicina e o traballo en rede, o deseño de protocolos conxuntos para a petición de probas e a maior accesibilidade a probas diagnósticas dende o centro de saúde. A 30 de xuño de 2018, o Servizo Galego de Saúde tiña un tempo medio de espera de probas de 59,1 días, 10 días menos que en xuño do ano anterior. Así mesmo o número de pacientes en espera para probas diminuíu en 5.538 persoas.

Tamén fixo referencia Jorge Aboal ao Decreto de Garantía de tempos máximos de atención hospitalaria, que de xaneiro a novembro de 2018 beneficiou a 40.691 pacientes: 10.465 en cirurxía, 15.320 en consultas externas e 14.906 en probas diagnósticas.

O director xeral de asistencia sanitaria mencionou ademais o programa galego de atención ao infarto agudo de miocardio (IAM) que na actualidade ten 2.724 pacientes rexistrados. Os resultados galegos en canto a mortalidade a 30 días mellora o indicador de calidade proposto pola Sociedade española de cardioloxía. Xunto a esta iniciativa, Aboal destacou o funcionamento do Plan de asistencia ao ictus (Plan ictus), o Plan de asistencia á sepse (Código sepse), e a atención integral aos paciente con dor entre outras iniciativas da Consellería de Sanidade de cara a mellorar a asistencia sanitaria da poboación galega. Jorge Aboal rematou a súa intervención facendo mención á elevada cantidade de certificacións internacionais en relación aos procedementos de calidade e seguridade na asistencia sanitaria no Servizo Galego de Saúde.

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 09/01/2019