Román Rodríguez presenta o II Concurso de Rondallas de Vigo que este ano contará coa participación de 14 agrupacións

A Consellería de Cultura e Turismo colabora co desenvolvemento deste certame, que se celebrará o próximo domingo, mediante un convenio de colaboración cunha aportación de 33.000 euros

Espérase a asistencia ao Ifevi de preto de 7.000 persoas
 

Vigo, 9 de xaneiro de 2019

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presentou hoxe o II Concurso de Rondallas de Vigo, no que este ano participan 14 agrupacións. Esta nova edición do Festival de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo vaise celebrar o próximo domingo, 13 de xaneiro, no Instituto Ferial de Vigo (Ifevi) e espérase a asistencia de preto de 7.000 persoas.

Nun acto no que tamén estiveron presentes o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, e o presidente da Federación de Rondallas, Roberto Giráldez, o titular de Cultura subliñou a importancia desta manifestación musical popular, tanto para a cidade de Vigo como para o conxunto de Galicia, polo que fixo un chamamento aos cidadáns a asistir a este evento que contribuirá a manter viva unha tradición popular moi importante na comarca. A cita tamén contou coa presenza uniformada de varias rondallas das que estarán o domingo no Ifevi.

En palabras do conselleiro de Cultura, as rondallas “forman parte dunha tradición moi valiosa e dan acubillo ás inquedanzas musicais de moitas persoas, especialmente na comarca de Vigo”. Concretamente, en Galicia as rondallas teñen as súas orixes a partir das agrupacións musicais chamadas Ranchos de Reis, que eran conxuntos de veciños que se xuntaban polo 6 de xaneiro para ir pedir o aguinaldo ao resto de veciños. A pesar de que estas formacións seguen existindo na actualidade, boa parte delas sufriron unha evolución importante creándose as rondallas. No tocante as pezas musicais que interpretan, cómpre destacar que se poden atopar desde temas tradicionais ata éxitos actuais de música disco ou rock.

No ámbito territorial, podemos centrar estas agrupacións en concellos como Vigo, Porriño, Gondomar, Mos, Tui, Redondela ou Nigrán. A súa importancia propiciou que desde o ano 1980 sempre se celebre unha cita anual onde todas as rondallas poden reunirse, concursar e mostrar a súa valía. Nos últimos sete anos esta cita vense celebrando no Instituto Ferial de Vigo reunindo a miles de espectadores. Trátase dunha xornada festiva na que se respira entusiasmo por parte de todos, desde músicos rondalleiros aos propios espectadores do público.

Agrupacións participantes

Na edición deste ano participan no II Concurso de Rondallas de Vigo as seguintes agrupacións: Rondalla do Centro Cultural de Vincios (Gondomar), Rondalla do Centro Veciñal Parada (Nigrán), Rondalla da Nosa Merced de Chaín (Gondomar), Rondalla do C.S.C.R. de Beade (Vigo), Rondalla do C.C.V. de Zamáns (Vigo), Rondalla do C.C. de Torroso (Mos), Rondalla do Centro Cultural de Guizán (Mos), Rondalla da Sociedade Cultural Pontellas (Porriño), Rondalla do C.C. Helios de Bembrive (Vigo), Rondalla C.C.A.R. de Valladares (Vigo), Rondalla C.C. de Atios (Porriño), Rondalla do Círculo Cultural Sta. Eulalia de Mos (Mos), Rondalla do Centro Cultural Herville (Mos) e Rondalla Peña de Freixo (Vigo). Todas as agrupacións recibirán un detalle por participar e, ademais, serán premiadas as tres mellores rondallas. Este ano o certame contará cunha categoría especial na que se recoñecerá os tres mellores Abandeirados. A entrada terá un prezo reducido de dous euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/01/2019