O titular da Xunta presidiu a entrega do VI Premio á Excelencia Empresarial do Club Financeiro de Santiago que se lle concede á empresa Castrosua
Feijóo avoga por seguir fomentando a innovación no tecido industrial que contribuíu a que as exportacións leven un lustro de cifras récord e que Galicia creza e xere emprego

Asevera que se hoxe se pode dicir que Galicia pechou o terceiro trimestre cun superávit do 0,54%, ou que cumprirá os obxectivos de estabilidade este ano, é porque a ese esforzo se suma un clima de estabilidade institucional

Subliña que a excelencia empresarial que se premia neste acto foi, precisamente, un dos activos que propulsou con máis forza a saída da crise

Garante o compromiso para seguir impulsando a excelencia: coa Lei de implantación empresarial; dotando as empresas de recursos para que innoven máis e gañen mercado no exterior; e sen xerar incertezas

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2019
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por seguir apoiando e fomentando a innovación no tecido industrial, que contribuíu a que as exportacións leven xa un lustro de cifras récord, medrando por riba da media estatal; a que Galicia acadase no terceiro trimestre un crecemento anual do 2,6% e se creasen 16.000 empregos a tempo completo; ou a que o ingreso medio dos fogares medrase o pasado ano un 3,6%, o máis alto de toda a serie histórica.

Durante o acto da entrega do VI Premio á Excelencia Empresarial do Club Financeiro de Santiago que se lle concede á empresa Castrosua, Feijóo aseverou que se hoxe se pode dicir que Galicia é unha das comunidades que pechou o terceiro trimestre cun superávit do 0,54%; ou que cumprirá os obxectivos de estabilidade este ano, é porque a ese esforzo das empresas, se suma un clima de estabilidade institucional e un horizonte de certezas. “Algo que, a nivel nacional, ou mesmo internacional, non se ve tan claramente”, asegurou, referíndose á inestabilidade política que se está a vivir -coa crise de Cataluña, cuns presupostos que se van presentar o vindeiro venres sen garantía de ser aprobados, ou coas políticas erráticas do Goberno central-; así como á ameaza do brexit, ao cambio de tendencia da política monetaria do BCE ou a unha desaceleración económica mundial que semella que se está a rexistrar, sobre todo, nos países emerxentes.

Nesta liña, e logo de aseverar que Galicia permanece alerta a estes sinais, o responsable do Executivo autonómico lembrou que a excelencia empresarial que se premia neste acto foi, precisamente, un dos activos que propulsou con máis forza a saída da crise. E garantiu o compromiso da Xunta para seguir cultivándoa: coa Lei de implantación empresarial; dotando as empresas de recursos para que innoven máis e gañen mercado no exterior; e sen xerar incertezas.

No tocante ao premiado, Feijóo destacou a traxectoria de Castrosua e do seu presidente de honra, José Castro Suárez, marcada por unha aposta constante por innovar en novos materiais, máis sustentables e pola fabricación de autobuses que empregan combustibles alternativos ao petróleo. “Estamos a falar dunha compañía referente na produción de carrozarías neste país. Precursora no mercado de autobuses urbanos e de proximidade de España; en fabricar autobuses con plataforma baixa; e na fabricación do primeiro autobús híbrido con gas natural comprimido”, aseverou.

Ao respecto, e ante unha evolución do mercado de autobuses marcado polas exixencias ambientais que obrigan a cambiar os autobuses diésel por gas, híbridos e eléctricos; ou polo número crecente de pasaxeiros que empregan o transporte urbano, Feijóo afirmou que para impulsar ambos os dous factores, a Xunta xa está a traballar cun Plan de transporte público que vai supoñer a renovación de máis de 1.500 liñas, moitas máis á disposición do rural, tarifas únicas e billetes gratuítos para os menores de 19 anos, e autobuses máis modernos e accesibles. “E coas Directrices enerxéticas de Galicia que, cun investimento público-privado de máis de 3.000 millóns de euros, son a folla de ruta para facer unha transición enerxética ordenada, e para impulsar as enerxías limpas tamén no transporte, a través da mobilidade eléctrica e os combustibles alternativos como o GNC e o GNL”, resaltou.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/01/2019