Infraestruturas licita o reforzo do firme en oito estradas da comarca do Condado-A Paradanta

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou o concello de Mondariz onde se mellorarán varios tramos da PO-252, da PO-254 e da PO-262

Tamén se levaran cabo traballos de reforma da PO-400, a PO-403, a PO-404, a PO-406 e a PO-510, ao seu paso polos concellos de Ponteareas, As Neves, Mondariz-Balneario, A Cañiza, Salvaterra de Miño e no concello de Tui, cun orzamento que rolda o millón de euros
 

Mondariz (Pontevedra), 10 de xaneiro de 2019
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Mondariz para anunciar a licitación dos traballos de reforzo do firme en oito estradas da comarca do Condado-A Paradanta, así como no concello de Tui, aos que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidades destinará preto dun millón de euros.

O delegado estivo acompañado nesta visita polo alcalde da vila, Xoán Carlos Montes Bugarín así como polo xefe territorial de Infraestruturas e Mobilidade en Pontevedra, José Luis Díez, e o Xefe do Servizo de Infraestruturas, Fausto Núñez, e a deputada provincial, Belén Villar.

Tal e como explicou Cores Tourís, no concello de Mondariz melloraranse varios tramos da PO-252, da PO-254 e da PO-262. En concreto, mellorarase a estrada PO-252 entre os puntos quilométricos 3+820 e 4, e a PO-254 entre os quilómetros 0 e 7+300, que corresponde á travesía Bugarín, Prado e Pías no concello de Ponteareas, e entre o punto quilométrico 8+500 e 9+480, na travesía de Mondariz.

Por outra banda, tamén se mellorará a PO-262 entre o punto quilométrico 0 e o 3+500, no concello de Mondariz, e nos primeiros 500 metros, que corresponden á travesía de Vilasobroso, rehabilitarase a sección completa da estrada.

Por outra banda, no concello de Ponteareas tamén se rehabilitará o firme da PO-403, entre o quilómetro 0 e o 10+800, e no concello da Cañiza, na travesía do municipio, mellorarase o firme da PO-406 entre os puntos quilométricos 0+300 e o 0+900.

O concello de Salvaterra de Miño tamén verá mellorada a PO-510, entre o 9+300 e o 9+720, e o concello de Tui, xa na comarca do Baixo Miño, tamén contará con obras de reforzo de firme na PO-404, no seu primeiro quilómetro na parroquia de Guillarei.

A actuación incluirá en total, a rehabilitación superficial do firme en varios treitos que suman un total de 33 quilómetros. As deformacións que presentan estas estradas fresaranse nunha profundidade de 5 centímetros na zona deteriorada e nun ancho de dous metros. A súa reposición farase con 5 centímetros de mestura bituminosa, con capa de rodadura e betume tratado con caucho. Reporase tamén a sinalización horizontal, os pasos de peóns e os aparcadoiros.

Por outra banda, o delegado territorial tamén informou ao alcalde de que nun mes estará listo o proxecto de obra de eliminación de curvas e acceso á praia fluvial do municipio, “o que significará que as obras se executarán canto antes. Somos conscientes de que se trata dun proxecto moi demandado, que foi solicitado por toda a corporación municipal”.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/01/2019