A Xunta propón novas melloras para a atención primaria cunha maior estabilidade dos profesionais e un servizo de atención máis eficaz

Feijóo precisou que a proposta que se presentará mañá venres á Mesa sectorial de sanidade prevé contratos cun mínimo dun ano de duración e tres de máximo

Aseverou que hoxe contamos con máis médicos por paciente en atención primaria que en 2009

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2019

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello a proposta de novas melloras para a atención primaria, cunha nova modalidade contractual que permita vínculos temporais máis amplos do persoal médico de familia e pediatras, ademais dun servizo máis eficaz á poboación.

Máis polo miúdo, Feijóo precisou que a proposta que se presentará mañá venres á Mesa sectorial de sanidade prevé contratos cun mínimo dun ano de duración e tres de máximo. E, todo elo, baixo o obxectivo de acadar un acordo no menor tempo que sexa posible e que permita unha implantación inmediata desta medida que pretende mellorar as condicións laborais dos médicos especialistas actualmente dispoñibles, pero, tamén, para os médicos internos residentes que teñan previsto rematar no vindeiro mes de maio.

Así mesmo, e con carácter xeral, o réxime de prestación dos servizos será de dous ou máis centros dentro do mesmo distrito sanitario. Se ben, por razóns obxectivas xeográficas ou número de persoal do centro, poderá abarcar un único centro.

Este nomeamento de continuidade -de 12 meses susceptibles de prórrogas de idéntica duración ata un máximo de 3 anos-, permitirá a dispoñibilidade de persoal para cubrir as necesidades asistenciais que se produzan, posibilitando o funcionamento permanente e continuado dos centros sanitarios. “Ademais de permitir un servizo máis eficaz á poboación e unha maior estabilidade laboral aos profesionais”, abundou.

Feijóo lembrou os esforzos feitos nos últimos anos para mellorar a Atención Primaria: tanto para dotala de máis e mellores infraestruturas –actuando desde 2009 xa en 54 centros de saúde-; como para que conte con novas ferramentas que melloren o traballo diario –receita electrónica, consulta telefónica, medios para a monitorización a domicilio, etc-.

“E tamén fixemos un esforzo para incrementar o número de profesionais, que se traduce en que hoxe contamos con máis médicos por paciente en atención primaria que en 2009”, aseverou, consciente de que hai un problema de dotación de novos profesionais, que afecta ao conxunto de España e que, en consecuencia, esixe a implicación do Goberno central.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/01/2019