A Xunta investiu preto de 200.000 euros nos últimos anos en Marín para melloras ambientais e de equipamento

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a importancia da colaboración entre a administración autonómica e a local

Marín (Pontevedra), 11 de xaneiro de 2019
  • whatsapp

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, achegouse hoxe ao concello de Marín onde comprobou de primeira man os resultados dos traballos realizados ao abeiro das convocatorias de axudas da Vicepresidencia, que nos últimos anos acadan preto de 200.000 euros.

Durante a súa visita, Alfonso Rueda estivo acompañado pola directora xeral de Administración Local, Marta Fernández- Tapias, polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís e pola alcaldesa da localidade, María Ramallo. Alí, destacou a importancia da colaboración entre a administración autonómica e a local, que é a mellor coñecedora das necesidades e demandas da veciñanza.

Máis en concreto, as axudas da convocatoria deste ano permitirán mellorar e renovar o alumeado público do parque Eguren, por un importe de 30.700 euros financiados grazas ás axudas do Fondo de Compensación Ambiental, unha iniciativa posta en marcha no ano 2010 e que permitiu que por vez primeira os concellos galegos puideran beneficiarse directamente da explotacións eólicas, posto que as actuacións que se realizan son financiadas a través do canon eólico.

Por outra banda, ao abeiro da orde de infraestruturas, levarán a cabo a pavimentación e mellora do vial Camiño das Raposeiras, que conta cunha axuda específica de máis de 22.000 euros.

Rueda lembrou que a Xunta xa abriu o prazo para que os concellos poidan solicitar as axudas da Orde de infraestruturas de uso público e da Orde do Fondo de Compensación Ambiental, que entre ambas suman 14 millóns de euros, tal e como reflexa a convocatoria o pasado 31 de decembro no Diario Oficial de Galicia.