Ovidio Rodeiro anuncia que a Xunta realizará, este ano, 135 cursos de formación na Coruña para 2.025 desempregados

O delegado territorial da Xunta visitou as instalacións de Cruz Vermella na Coruña nas que se imparte formación a 120 persoas cunha achega de 323.000 euros

A Coruña, 11 de xaneiro de 2019
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou o centro de formación da Cruz Vermella na Coruña onde se están a impartir oito cursos cursos de formación AFD (Accións Formativas dirixidas prioritariamente a desempregados) relacionados con Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos, Docencia e Formación Profesional para o Emprego, Organización e Xestións de Almacéns e Creación e Xestión de Microempresas.

En total, a Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste nestes oito cursos máis de 323.000 euros para formar a 120 alumnos. Na súa intervención o delegado territorial destacou “a importancia de apostar pola formación para multiplicar as posibilidades das persoas desempregadas de atopar un traballo”. Neste senso, apuntou que “estamos facendo un importante esforzo para adaptar a preparación que impartimos ás necesidades das empresas da contorna o que nos permite acadar insercións laborais, posteriores aos cursos, que roldan o 60%”. Ademais, “outro dos nosos obxectivos é complementar a formación con prácticas en empresas polo que moitos dos alumnos que participan nestes cursos atopan traballo incluso antes de rematar a súa formación”, puntualizou.

O representante do goberno autonómico informou que a Xunta de Galicia ven de ampliar 28 novos cursos na área da Coruña polo que en total se impartirán na cidade e comarca un total de 135 cursos, a través do Plan galego de formación 2018/2019 de AFD, para preparar a 2.025 alumnos que ampliarán a súa formación, e que ao remate recibirán os seus correspondentes certificados de profesionalidade, con validez en toda España.

Estas accións teñen lugar en centros homologados, que poden ser tanto empresas como concellos e entidades sen ánimo de lucro. Ovidio Rodeiro sinalou que “a través deste programa a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá na área da Coruña 6,2 millóns de euros”.

Esta iniciativa, que se enmarca na Axenda 20 para o Emprego, conta co obxectivo de seguir incrementando a ocupabilidade das persoas sen un traballo, facilitándolles o seu acceso ao mercado laboral, ao tempo que se dota a Galicia dun capital humano máis formado de acordo ás necesidades reais das empresas. A convocatoria destes cursos é plurianual (2018-2019), o que posibilitará que se imparta unha formación máis completa e, polo tanto, unha maior empregabilidade dos alumnos.

Como novidade este ano, os alumnos e alumnas poden por primeira vez escoller o centro e a acción formativa que se impartirá en empresas, entidades sen ánimo de lucro e concellos que son os adxudicatarios das axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Ademais, os centros de formación teñen a posibilidade de seleccionar directamente ao alumnado. Ata o de agora a elección só correspondía ao Servizo Público de Emprego de Galicia. A cualificación que se imparte permitirá seguir accedendo a certificados de profesionalidade con validez en todo o Estado e será acorde ás necesidades que demanda o tecido empresarial.

O obxectivo do Plan de formación 2018-2019 é o de facilitar o acceso ao mercado laboral das persoas sen emprego de Galicia. Na convocatoria deste ano, a Consellería de Economía, Emprego e Industria ampliou a dotación orzamentaria inicial co propósito de atender o maior número de solicitudes.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/01/2019