A Xunta destina 8M€ aos programas Galicia Exporta para contribuír á internacionalización das empresas galegas

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, reforza, a través do Igape, as novas convocatorias para ofrecer apoio directo ao tecido empresarial galego para a súa expansión internacional

Os apoios dos dous programas, Galicia Exporta Empresas e Organismos Intermedios, increméntanse un 23%, en 1,5 millóns de euros, para crecer en mercados xa consolidados, como Latinoamérica e Europa, e para impulsar as vendas galegas en Asia

As iniciativas desenvolven proxectos individuais e colectivos que reafirman a presenza e favorecen a introdución das pemes nos mercados exteriores

En 2017, as exportacións galegas marcaron un novo récord histórico ao superar por primeira vez os 21.000 millóns de euros e, nos primeiros dez meses do ano pasado, creceron un 8,6% con respecto ao mesmo período do exercicio anterior

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2019
  • whatsapp

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, vén de abrir a convocatoria das dúas modalidades do programa Galicia Exporta, tanto para Empresas como para Organismos Intermedios. Con estas iniciativas, ás que destina 8 millóns de euros nos próximos dous anos, un 23% máis –é dicir, 1,5M€– que no bienio anterior (2017-2018), a Xunta busca contribuír á internacionalización do tecido empresarial galego.

As axudas, cofinanciadas con Fondos Feder e que se poden solicitar ata o 7 de marzo, cobren ata o 80% dos gastos subvencionables aprobados ao abeiro do Galicia Exporta Organismos Intermedios, que apoia proxectos colectivos; e ata o 70% no caso dos proxectos individuais acollidos á liña Galicia Exporta Empresas. Ademais, nestas convocatorias auméntanse os apoios por solicitude e beneficiario con respecto ás edicións anteriores: no Galicia Exporta Empresas pasan de 70.000€ a 80.500€, mentres que no caso do Galicia Exporta Organismos Intermedios pasan de 150.000€ a 176.000€.

Preténdese así reforzar a presenza das pemes galegas en mercados xa consolidados como Latinoamérica e Europa pero, sobre todo, seguir impulsando as vendas en Asia mediante liñas específicas para proxectos individuais e colectivos coordinados por organismos intermedios empresariais e cámaras de comercio, que desenvolven actividades de difusión, participación en eventos expositivos no exterior e accións de prospección internacional.

A través da anterior convocatoria dos programas Galicia Exporta e Galicia Exporta Organismos Intermedios, a Xunta facilitou apoio directo a 466 empresas.

Mediante estas iniciativas, que buscan facer das exportacións un motor de emprego e crecemento empresarial, preténdese contribuír a consolidar a positiva evolución das exportacións galegas, que desde 2009 aumentaron un 55,3%, marcando en 2017 un novo récord histórico ao superar por primeira vez os 21.000 millóns de euros.

Segundo os últimos datos publicados, ata outubro de 2018, Galicia seguía batendo cifras históricas, cun incremento das exportacións do 8,6% nos dez primeiros meses do ano pasado con respecto ao mesmo período do exercicio anterior.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/01/2019