A Xunta pon en valor a importancia da orientación laboral para incrementar as oportunidades de traballo dos desempregados

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Santiago na clausura da quinta edición do curso de posgrado de especialización en orientación laboral que apoia o Goberno galego

Os alumnos foron na súa maior parte mulleres, de entre 35 e 45 anos, con estudos universitarios, principalmente en relacións laborais e psicoloxía

Destacou a necesidade de seguir impulsando unha orientación laboral en liña coas demandas do tecido empresarial

A Xunta investirá este ano 6,1M€ para o mantemento e contratación de orientadores laborais nos concellos galegos e nas entidades sen ánimo de lucro especializadas na atención a persoas con capacidades diferentes e en risco de exclusión social
 

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2019

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Santiago na clausura da quinta edición do curso de posgrado de especialización en orientación laboral que se desenvolveu no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) nos últimos meses.

Nesta iniciativa, que desenvolveu o Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións de xestión universitaria de Galicia (Cixug), co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, participaron un total de 108 alumnos (8 no curso de introdución á orientación laboral; 68 no posgrao de especialización e 32 no curso avanzado) dos que a maior parte están traballando no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG), en concellos ou en entidades sen ánimo de lucro. O programa formativo incluíu, polo tanto, un curso de iniciación á orientación laboral de 150 horas; de especialización en orientación laboral de 650 horas; e avanzando en orientación laboral de 150 horas.

Marnotes indicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria traballa para impulsar unha orientación laboral en liña coas demandas do tecido empresarial para dar así resposta ao novo modelo produtivo baseado no coñecemento. Salientou, así mesmo, a importancia de formar a orientadores, xa que é un servizo co que se incrementan as oportunidades laborais das persoas desempregadas. “Por iso é importante traballar coas empresas para que poidan definir as competencias que necesitan”, subliñou.

A Xunta investirá este ano 6,1 millóns de euros en axudas para o mantemento e contratación de orientadores laborais nos concellos galegos e nas entidades sen ánimo de lucro especializadas na atención a persoas con capacidades diferentes e en risco de exclusión social. A Administración autonómica prevé con estes apoios a creación ou mantemento de 251 empregos. Os contratos terán unha duración dun ano financiándose estes empregos cunha contía máxima de 25.000 euros por cada técnico en orientación laboral contratado a tempo completo e con 28.000 euros cando o contrato se desenvolva nunha entidade sen ánimo de lucro que realice actividades de atención a persoas con capacidades diferentes.

Marnotes explicou que a Comunidade conta cunha Rede galega de orientadores laborais, formada por preto de 500 persoas, que atende de media a máis de 80.000 desempregados.

Os orientadores encárganse, entre outras funcións, de elaborar diagnoses individualizadas sobre o perfil e necesidades dos desempregados; proporcionar información sobre o mercado de traballo e os distintos incentivos; deseñar itinerarios individuais e personalizados de emprego; contactar con empresas para difundir as súas iniciativas e realizar unha prospección das necesidades das empresas; ou informar sobre a oferta de accións de formación profesional ou o proceso de recoñecemento das competencias adquiridas.

O director xeral explicou, así mesmo, que a mellora da orientación laboral cun enfoque a servizos e dirixida tanto a demandantes de emprego como ás empresas é un obxectivo prioritario da Axenda 20, a folla de ruta do Goberno galego en materia laboral. Para iso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a traballar para poñer en marcha o novo modelo de orientación aberta, achegando o servizo aos usuarios e combinando accións presenciais e en liña, para o que está a facer unha importante aposta polo desenvolvemento das novas tecnoloxías.

A Xunta, así mesmo, está a potenciar a atención personalizada a empresas e a afondar na formación continua dos técnicos do propio Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG), así como dos centros colaboradores. A finalidade última é mellorar o acceso dos galegos e galegas ao mercado de traballo.

Curso superior de Relacións Laborais

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, doutra banda, participou esta tarde en Santiago na inauguración do XXIX Curso Superior de Relacións Laborais. Na súa intervención apelou ao diálogo para consolidar unhas relacións laborais sólidas e axeitadas ao novo contexto económico e puxo en valor o traballo que desenvolve o Consello Galego de Relacións Laborais que ten como máximo reto a mediación na solución de conflitos laborais. Salientou que este órgano xoga un papel destacado na mellora das relacións laborais e na consolidación do mercado de traballo.

Indicou, así mesmo, que o obxectivo da Administración autonómica é buscar e apoiar medidas que melloren a situación laboral dos galegos e galegas apostando pola consolidación dunhas relacións laborais que garantan os intereses individuais e colectivos dos galegos co obxectivo de aumentar a estabilidade e calidade do emprego.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/01/2019