Conde destaca o peso do emprego autónomo en Galicia e avanza que en 2019 se traballará polo seu crecemento, estabilidade e consolidación

Asistiu en Sanxenxo ao X Congreso de Traballadores Autónomos de Galicia, onde se distinguiu o labor de profesionais deste colectivo

Este mes publicaranse os apoios para acceder a axudas para o inicio de actividade para 3800 autónomos e para a contratación de 240 traballadores indefinidos

O conselleiro insiste na imprescindible colaboración entre o Goberno galego e os autónomos para, a través de diálogo, definir as medidas que mellor se adapten ás súas necesidades

Subliña que Galicia é unha das comunidades con maior participación feminina no colectivo autónomo e defende que o impulso do emprego de calidade pasa por deseñarse desde a igualdade
 

Sanxenxo (Pontevedra), 12 de xaneiro de 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde destacou, na súa intervención no X Congreso de Traballadores Autónomos de Galicia, o peso do emprego autónomo en Galicia e avanzou que en 2019 a Xunta traballará polo crecemento deste colectivo, a súa estabilidade e consolidación.

Conde incidiu en que os autónomos son unha peza clave da economía e da sociedade galega xa que representan ao redor da cuarta parte dos traballadores da Comunidade e lembrou que contan co apoio do Goberno galego. Neste sentido, referiuse á Estratexia Autónomo 2020 que inclúe medidas que converten Galicia na rexión con máis apoios á disposición deste colectivo co obxectivo de que ningún proxecto viable, xa sexa de emprendemento ou consolidación, quede sen desenvolver. Tamén explicou que, grazas ao traballo da Mesa do Emprego Autónomo de Galicia, se está a ofrecer un apoio integral consensuado para adecuar os recursos da Xunta ás necesidades dos autónomos.

De cara a este ano 2019, Conde adiantou que este mes se abrirá o prazo para optar ás axudas para facilitar o inicio de actividade a 3800 autónomos e para a contratación de 240 traballadores indefinidos en 120 empresas. Destinaranse máis de 11M€ a estas dúas liñas de axudas.

O conselleiro tamén destacou que Galicia é unha das Comunidades cunha maior participación feminina no colectivo de traballadores autónomos, xa que representan o 42%, e subliñou que impulsar un emprego de calidade pasa por deseñarse desde a igualdade. Así, explicou que, desde 2017, a Xunta ten en marcha o programa Emprega en feminino que, entre os seus obxectivos, contempla potenciar o emprendemento das mulleres.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/01/2019