A Xunta apoia cinco iniciativas empresariais que mobilizan 310.000 euros na Coruña a través do programa Galicia Emprende

A Consellería de Economía, Emprego e Industria concede estas axudas para apoiar a creación de novas empresas ou a consolidación de compañías nos primeiros 42 meses de funcionamento

O delegado territorial destacou que este programa regula apoios directos para a posta en marcha ou a consolidación temperá de negocios impulsados por autónomos e emprendedores, facilitando así a xeración de emprego

A Coruña, 14 de xaneiro de 2019
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, reuniuse esta mañá cos responsables da empresa Move and Mind Studio en Oleiros, que levará a cabo un cambio de localización e mellora para seguir desenvolvendo a actividade de ximnasio, adaptación funcional e terapias manuais, cunha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria de máis de 23.000 euros, que suporá un investimento total de máis de 90.000 euros.

Ovidio Rodeiro informou que a Xunta concedeu axudas na Coruña e na súa comarca por un importe de máis de 93.000 de euros para apoiar 5 iniciativas empresariais de emprendedores ou autónomos ao abeiro do Programa Galicia Emprende.

Os proxectos aprobados prevén a mobilización de máis de 310.000 euros en investimentos e abranguen actividades diversas como reportaxes fotográficos en centros educativos, unha autolavandería, unha axencia de seguros, un ximnasio e a creación dun centro de día.

O investimento medio por proxecto apoiado na convocatoria que se vén de aprobar é de máis de 115.000 euros. Case un 40% das iniciativas corresponden a autónomos, sendo o resto impulsadas por sociedades mercantís.

Ovidio Rodeiro destacou que “esta liña de axudas está deseñada para impulsar a posta en marcha de proxectos de nova creación e para a consolidación, durante os seus primeiros 42 meses de funcionamento, de iniciativas empresariais de emprendedores ou autónomos”. Ademais, engadiu que “poden solicitar o apoio do Galicia Emprende iniciativas con investimentos comprendidos entre os 25.000 e os 500.000 euros”.

O programa Galicia Emprende compleméntase co Galicia Rural Emprende, deseñado para promover a diversificación e creación de novas empresas non agrícolas sobre o territorio. O orzamento destinado pola Xunta ao emprendemento durante o ano pasado ao abeiro de ambas iniciativas suma 7,5 millóns, a mesma cifra que no exercicio anterior.

Con estes dous programas, en 2017 o Goberno galego apoiou 162 proxectos empresariais de emprendedores que mobilizaron máis de 18 millóns de euros en novos investimentos e que levan asociada a creación e o mantemento de 385 postos de traballo. Os apoios ao emprendemento refórzanse coa activación dos Instrumentos Financeiros Emprendedores (IFIs), que se sumaron aos préstamos participativos ou o capital risco que vén ofrecendo a Consellería de Economía, Emprego e Industria a través dos fondos que xestiona XesGalicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/01/2019