A conselleira de Política Social visitou esta mañá as obras de mellora da accesibilidade realizadas no municipio coruñés de Porto do Son
Fabiola García salienta o traballo da Xunta para que “todas as galegas e galegos vivan nunha Galicia máis accesible”

Executáronse unha vintena de intervencións en rúas, prazas e servizos administrativos doutros tantos concellos de tamaño pequeno e mediano, cun investimento superior ao millón de euros

  • whatsapp

Porto do Son (A Coruña), 14 de xaneiro de 2019.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou hoxe, durante unha vista a diferentes obras de accesibilidade realizadas no municipio coruñés de Porto do Son, que a Xunta traballa para que “todas as galegas e galegos vivan nunha Galicia máis accesible”. Nesta liña, indicou que o Executivo autonómico, da man dos concellos e das entidades, seguirá a facer esforzos para avanzar cara unha sociedade máis inclusiva e accesible.

Fabiola García explicou que as actuacións executadas en Porto do Son forman parte da vintena que nos últimos doce meses se desenvolveron noutras tantas localidades de tamaño pequeno e mediano baixo a subvención da Consellería. Estas intervencións, que se realizaron principalmente en prazas, rúas e edificios de servizos públicos, sumaron un investimento algo superior ao millón de euros por parte deste departamento autonómico.

Neste caso concreto, a Xunta achegou ao concello de Porto do Son 54.300 euros (o 70% do total) para a mellora da accesibilidade e da seguridade en catro ámbitos: a rúa Jorge Lorenzo, o cruzamento das rúas Igrexa con Barranqueira, a conexión da avenida da Igrexa coa rúa Castelao e no núcleo de Portosín a mellora da comunicación da praza do Curro co paseo marítimo que dá acceso á praia.

A conselleira enmarcou estas actuacións no obxectivo de eliminar calquera barreira que aínda hoxe complica a vida de moitas galegas e galegos con mobilidade reducida ou con capacidades diferentes. Neste compromiso inclúense novas propostas como a sinalización con máis de 200 pictogramas da sede central da Administración autonómica en San Caetano, iniciativa que se presentou a semana pasada e que a Xunta impulsou xunto con Autismo Galicia.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/01/2019