A Policía Autonómica leva a cabo 134 inspeccións para velar polo cumprimento da Lei de prevención de bebidas alcohólicas en menores

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a comunidade galega
 

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2019
  • whatsapp

Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo entre o 7 e o 13 de xaneiro un total de 134 inspeccións de control en 18 concellos galegos.

Por parte dos distintos Grupos de Menores da Policía Autonómica da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo nesta pasada semana realizáronse 46 dispositivos de control de menores en risco de desamparo (absentismo escolar e consumo de alcohol/tabaco e drogas en menores de idade), nos concellos da Coruña, Ames, Brión, Castrelo de Miño, Dodro, Lugo, Marín, Mos, Ourense, Pereiro de Aguiar, Pontevedra, Redondela, Ribadavia, San Cibrao das Viñas, Santiago de Compostela, Teo, Toén e Vigo.

Como resultado do dispositivo levado a cabo, foron identificadas 24 persoas e inspeccionadas 134 zonas de ocio, locais e centros comerciais.

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a Comunidade Galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.

Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.