A Xunta completa a dixitalización de seis parques de Galicia e catro aulas da natureza

Unha plataforma tecnolóxica facilita os contidos divulgativos de cada espazo natural, que se poden visualizar a través de videowalls ou pantallas informativas

Ademais, en función das súas necesidades e posibilidades, as aulas e parques dispoñen de mesas interactivas e dispositivos de realidade virtual

A iniciativa complétase con novas versións do portal ‘Galicia Natural é Única’ e da aplicación que permite selar dixitalmente o Pasaporte Natural
 

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2019
  • whatsapp

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) veñen de completar a dixitalización de cinco parques naturais galegos, o Parque Nacional das IIlas Atlánticas e catro aulas da natureza. En total, son os 10 espazos que xa están dotados con solucións tecnolóxicas innovadoras para facilitar aos visitantes o acceso información sobre rutas, servizos, patrimonio, flora e fauna de cada parque ou aula dun xeito lúdico e atractivo.

Xa se completou a instalación e posta en funcionamento da cartalería e os contidos dixitais no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, no Complexo Dunar de Corrubedo, o Invernadeiro, a Serra da Enciña da Lastra, a Baixa Limia-Serra do Xurés e Monte Aloia e as catro aulas da natureza que ofrecen información sobre os servizos, rutas, flora e fauna de cada parque e aula da natureza dun xeito más atractivo, lúdico e en soportes audiovisuais e interactivos. En breve as Fragas do Eume sumarase a esta iniciativa de dixitalización.

Unha plataforma de contidos permite que cada parque xestione a súa información que se proxecta ben a través de videowalls, pantallas informativas ou mesas interactivas. A distribución deste equipamento realizouse en base a un estudo previo de necesidades e posibilidades de cada un dos espazos naturais contemplados no proxecto, que inclúe, tamén, solucións de realidade aumentada ou gafas de realidade virtual.

Portal e aplicación

Ademais, estes contidos serán accesibles desde outras canles como o portal Galicia Natural e Única e a aplicación dos parques. No marco deste proxecto, tanto a web como a app ofrecen xa novas versións. O novo portal amplíou os seus contidos incluíndo información de todos os parques, reservas da biosfera e catro espazos naturais de Galicia baixo a etiqueta “espazos imán”.

A aplicación dos parques naturais de Galicia, dispoñible en IOS e Android, posibilita o selado dixital do Pasaporte Natural ao activar a localización do dispositivo móbil cando se visitan os parques. Coa nova app de Galicia Natural e Única lévase a cada dispositivo móbil unha nova experiencia para gozar plenamente en primeira persoa a experiencia de visitar os espazos imán, identificados no Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia, que son os parques galegos así como o monumento natural da Praia das Catedrais, as zonas de especial protección dos valores de Carnota- Monte Pindo, Canóns do Sil; as Reservas da Biosfera de Terras do Miño, Área de Allariz, Os Ancares lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá, o Río Eo, Oscos e Terras de Burón; a Reserva Transfronteiriza Gerés- Xurés, as Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e a Serra do Courel

Premiar a visita

A Xunta de Galicia defende que coñecer o patrimonio natural que atesouran os parques galegos son unha das mellores ferramentas para asegurar a súa conservación. Nese sentido, quere premiar o esforzos dos visitantes que se achegan aos parques galegos; polo que se darán tres premios ás tres primeiras persoas que completen o pasaporte dixital.

O galardón consistirá nunha experiencia natural a elixir entre as distintas actividades ecoturísticas e aloxamento nos parques naturais de Galicia, unha oferta extensa e variada que ofrece, aloxamentos de turismo rural, experiencias de restauración, visitas guiadas, rutas fotográficas ou ornitolóxicas, actividades que combinan o deporte e o turismo, a través do senderismo, ciclismo, equitación ou ben saídas en barco, kaiak, paddle surf ou paddleboard; ademais de visitas a covas, aldeas ou adegas. Para ampliar a información destas experiencias ecoturísticas pódese consultar a web.

Axenda Dixital 2020

A dixitalización dos parque naturais enmárcase nas actuacións da Axenda Dixital de Galicia 2020, a folla de ruta do Goberno galego para consolidar a dixitalización de servizos públicos, e sectores estratéxicos para Galicia. Ao igual que todos os procesos de dixitalización que desenvolve a Axencia Pública, esta iniciativa abordouse dun xeito integral e cun enfoque global, que permita evolucionala nun futuro.
 

Data de actualización: 20/01/2019