A Xunta destaca a formación como peza clave para impulsar o emprendemento xuvenil baseado na innovación

A delegada territorial en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou na inauguración da III Semana do emprendemento da Escola Profesional Santo Cristo

Destacou o apoio do Goberno galego aos emprendedores que constitúen un dos motores da economía
 

Ourense, 22 de xaneiro de 2019
  • whatsapp

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, subliñou a importancia da formación para impulsar o emprendemento entre a mocidade baseado na innovación e na diferenciación.

Díaz Mouteira participou na inauguración da III Semana do Emprendemento que organiza a Escola Profesional Santo Cristo. Durante o acto, a representante da Xunta en Ourense asegurou que cómpre fomentar a cultura emprendedora entre os estudantes e, así, motivar a súa participación activa na sociedade, poñendo no seu coñecemento as ferramentas necesarias para a posta en marcha dunha iniciativa empresarial.

Marisol Díaz subliñou a aposta do Goberno galego por impulsar o espírito emprendedor e apoiar aos emprendedores xa que son quen de dinamizar a economía, fixar poboación e contribuír á creación de emprego de calidade e riqueza, ao tempo que asegurou que son o motor que permite que os territorios progresen.

A delegada territorial explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon a disposición dos emprendedores un amplo abano de servizos, axudas e iniciativas para apoiar a posta en marcha ou a consolidación de novas empresas. Neste sentido, a Administración galega conta coa Estratexia do Autónomo 2020, con accións para facilitar o seu día a día; a rede de aceleradoras que, nestes últimos cinco anos, impulsou 900 proxectos emprendedores; programas específicos como Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende; ou a Lei de implantación empresarial.

A actividade organizada polo centro de ensinanza profesional pretende difundir as potencialidades que existen desde o emprendemento para mellorar a empregabilidade xuvenil.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/01/2019