A Xunta pon en marcha o grupo de traballo para crear contidos educativos dixitais innovadores no marco do proxecto Abalar

Docentes de diferentes centros educativos xunto con profesionais do sector TIC e do audiovisual elaborarán os recursos empregando tecnoloxías como a realidade aumentada, a gamificación ou a intelixencia artificial

Antes de xuño o profesorado do proxecto validará os primeiros contidos empregándoos nas aulas como paso previo á súa integración na plataforma E-Dixgal

É unha das medidas previstas para seguir estendendo a educación integramente dixital en Galicia, que xa está presente en 267 centros das catro provincias galegas

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2019
  • whatsapp

A iniciativa E-Dixgal do Proxecto Abalar continúa desenvolvendo as liñas de actuación marcadas o curso anterior para estender a educación integramente dixital en Galicia. Entre as medias previstas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Educación está a creación de contidos educativos dixitais innovadores coa implicación do profesorado e os sectores TIC e audiovisual. Esta semana quedaba conformado o grupo de traballo de traballo que desenvolverá a iniciativa.

A Cidade da Cultura acolleu a xuntanza, na que participaron a directora da Amtega, Mar Pereira, o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do profesorado, Iván Mira, o director xeral de Everis de Asturias e Galicia, Jesús Lage, e o director xeral de R en Galicia, Alfredo Ramos, xunto cunha decena de profesores de diferentes materias e centros educativos galegos para realizar unha primeira aproximación de necesidades, liñas de traballo e obxectivos no medio prazo.

Este equipo multidisciplinar abordará a xeración de contidos dixitais aproveitando as capacidades técnicas e innovadores dos sectores tecnolóxico e audiovisual de Galicia, e os coñecementos pedagóxicos do profesorado galego así como as súas necesidades. Así, o profesorado realizará a proposta de contidos (materia, curso, unidade didáctica e metodoloxía pedagóxica), e definirá os obxectivos, competencias, esquemas e materiais adicionais. Sobre esta base as empresas TIC e do audiovisual implicadas elaborarán recursos aplicando as tecnoloxías máis innovadoras: realidade aumentada, realidade virtual, simulación, gamificación, intelixencia artificial, aprendizaxe personalizada e adaptativa...

A previsión é que antes de que remate este curso o propio profesorado do grupo de traballo empregue os contidos na aula para comprobar o seu valor pedagóxico e a súa validez no proceso de ensinanza-aprendizaxe dos centros educativos de Galicia. Unha vez validados, os contidos serán distribuídos a toda a comunidade educativa galega a través das plataformas do Proxecto Abalar.

Últimas novidades

Ademais das 750 unidades didácticas de 45 materias dos provedores Netex Learning e Edebé, e os máis de 3.200 contidos dixitais creados polos propios docentes, e integrados xa na plataforma do libro dixital dende o comezo do proxecto, neste curso sumáronse as unidades, os recursos complementarios e o acceso ao banco de contidos da Editorial Planeta, e os contidos educativos de Inglés da Editorial Pearson. Adicionalmente, puxéronse en marcha novos contidos dixitais personalizados (Smart) do proveedor Netex Learning.

O uso destes novos contidos, tanto dos novos provedores incorporados, como dos contidos Smart, xa alcanza a un 35% dos usuarios do proxecto, a pesares de atoparse no primeiro ano de uso dentro do proxecto.

Incremento dun 84% no uso da plataforma dixital

O curso pasado iniciouse a integración progresiva dun paquete de melloras para seguir estendendo a educación dixital a máis centros. Tras a renovación de equipamento, a incorporación dun terceiro provedor de contidos, a entrada en funcionamento do Servizo de Atención, Soporte e Acompañamento Premium para familias, alumnado e profesorado, así como da mellora da conectividade en todos os centros públicos de primaria e secundaria, nos dous primeiros meses do curso actual, rexistrouse un incremento do 84% no número de usuarios que acceden á plataforma do libro dixital respecto ao curso pasado, alcanzado un uso diario por parte do alumnado e profesorado actualmente participante no proxecto próximo ao 88%.

A incorporación dun novo provedor da materia de inglés era outra das medidas previstas nesta iniciativa do Abalar, concibido como un proxecto vivo, que evoluciona do concepto de equipo na aula ao de “mochila dixital”, un equipo que acompaña ao alumnado en toda a súa actividade educativa, tanto dentro como fóra do centro, e que lle proporciona o acceso a todos os recursos educativos dixitais

Aulas Dixitais

Actualmente son Abalar (aulas dixitalizadas con encerado dixital, proxector, equipo para o posto do profesor e conexión a Internet) máis de 6.000 aulas de 5º e 6º de Educación primaria, toda Educación Secundaria e Bacharelato de 900 centros públicos, beneficiando a máis de 120.000 alumnos. O Proxecto Abalar foi concibido como unha iniciativa para transformar o proceso educativo, transformando a aula tradicional nunha aula dixital, coa implicación de toda a comunidade educativa: pais, nais, titores legais, docentes, e alumnado.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/01/2019