A Xunta ofrece este ano preto de 2.000 horas de formación sobre administración dixital aos empregados públicos

O Plan formativo, froito da colaboración entre a Amtega e a EGAP, incrementa en máis dun 66% a oferta de horas repartidas en preto de 70 cursos

En formato presencial e online os empregados públicos poderán afondar nas novidades introducidas pola lei 39/2015, na implantación de novos sistemas ou na protección de datos

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2019
  • whatsapp

A Xunta pon en marcha este ano una nova edición do Plan para reforzar a formación do empregado público no ámbito da Administración dixital e da Protección de datos con preto de 2.000 horas a través de 67 cursos en formato presencial, online e mixto.

Esta medida enmárcase nas actuacións do Plan de Goberno e Administración Dixital 2020 co que se está a consolidar o proceso de transformación dixital da Administración autonómica, no que traballan a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Axencia para a Modernización de Galicia (Amtega).

O Plan formativo, que se realiza en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública, incrementa en máis dun 66% o número de horas con respecto a 2018 e tamén o número de cursos, ofrecendo un 20% máis que na edición anterior.

Os cursos abordan diferentes aspectos da Administración dixital tanto vinculados ás novidades introducidas polas lei 39/2015, como os centrados na implantación de novos sistemas da administración dixital (notificacións electrónicas, dixitalización de rexistros...) ademais dos relativos ao novo decreto de protección de datos, con formación específica para os delegados de protección de datos.

Máis formación, maior niveis de uso

A importancia da formación no sector público autonómico reflíctese na futura Lei de Administración Dixital de Galicia, actualmente en tramitación, que contempla un Plan de Capacitación Dixital para garantir aos empregados públicos o acceso á formación necesaria para desempeñar a súas funcións nun contexto dixital e intensificar o uso dos servizos dixitais.

O sistema de indicadores do Plan apunta a un incremento no uso dos servizos dixitais tanto dentro como fóra da Administración. A nivel interno no ano 2018 os empregados públicos realizaron 6,4 millóns de consultas á Plataforma de interoperabilidade Pasaxe!, un 44% máis que en 2017; rexistraron máis de 300.000 notificacións electrónicas, máis do triple que en 2017 e asinaron 2,7 millóns de documentos electrónicamente. Por parte dos cidadáns, as xestións online superaron as 470.000, o que supuxo un incremento do 47%.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/01/2019