Conde defende que a tecnoloxía, a formación e o deseño son as claves para impulsar a modernización da industria forestal

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destaca o papel da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra no desenvolvemento de novos procesos e materiais que fan ás empresas deste eido cada vez máis competitivas

Neste 2019 vaise facilitar formación a 1.700 profesionais, a través de 160 cursos que van permitir que o esforzo de mellora da industria veña acompañado dunha maior especialización dos traballadores

Para dar resposta ás novas necesidades do mercado, vanse mobilizar 26 millóns de euros en axudas á modernización de 90 empresas da explotación forestal, xestión da biomasa forestal e primeira transformación da madeira

Pontevedra, 29 de xaneiro de 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, defendeu hoxe nunha visita á Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra que a tecnoloxía, a formación e o deseño son as claves para impulsar a modernización da industria forestal galega. Neste sentido, salientou o papel clave que xoga a Escola, desenvolvendo as novas solucións, os novos procesos e os novos produtos que están permitindo que as empresas deste ámbito cada vez sexan máis competitivas.

Tal e como salientou Conde, da industria forestal galega dependen máis de 70.000 empregos en Galicia e unhas 3.000 empresas, que en 2017 facturaron 2.200 millóns de euros. A Comunidade acolle toda a cadea de valor, desde a explotación forestal ata as empresas de primeira e segunda transformación da madeira. En 2017 exportáronse 800 millóns de euros, cifra que se prevé mellorar cos datos de peche de 2018. O conselleiro sinalou tamén que en Galicia se desenvolven o 50 por cento das cortas de toda España.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria apuntou que a Xunta, a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), segue traballando para dar resposta ás novas necesidades e demandas do mercado. Así, Conde sinalou que se van mobilizar 26 millóns de euros en axudas á modernización de 90 empresas da explotación forestal, xestión da biomasa forestal e primeira transformación da madeira. Ademais, apuntou que neste 2019 se vai facilitar formación a 1.700 profesionais, a través de 160 cursos que van permitir que o esforzo de modernización da industria veña acompañado dunha maior especialización dos traballadores.

Neste ámbito, destacou que a colaboración coa Escola de Enxeñería Forestal e coa Universidade está sendo determinante, pola súa capacidade de transferir o coñecemento e colaborar coa industria nos ámbitos da transformación enerxética, mecánica e química. A Escola de Enxeñería Forestal conta con laboratorios onde se desenvolven proxectos vinculados coa transformación mecánica da madeira, a celulosa e o papel; coas novas tecnoloxías como a impresión 3D ou co emprego de drons para tarefas cartográficas, no marco do polo aeroespacial de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/01/2019