A Xunta abrirá en poucos meses o proceso para solicitar a carreira profesional e aprobará neste trimestre a oferta de emprego para 2019

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, compareceu hoxe no Parlamento para explicar o Acordo de Concertación Social asinado por Xunta, CC.OO. e UGT

Adiantou que en breve tamén se tramitará o regulamento para facer efectiva a funcionarización do persoal laboral

Lembrou que todos os empregados públicos xa perciben na nómina deste mes a suba salarial do 2,25%, que será de ata o 3% o vindeiro ano

O conselleiro reiterou a aposta da Xunta por acadar unha estabilidade do 93%, para que Galicia siga sendo unha das comunidades con menor temporalidade

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2019

A Xunta de Galicia abrirá xa nos vindeiros meses o proceso para que os empregados públicos da Administración Xeral poidan solicitar a carreira profesional, e tamén aprobará neste primeiro trimestre a Oferta de Emprego Público correspondente ao ano 2019, segundo avanzou hoxe no Parlamento o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez.

Na súa comparecencia para explicar o Acordo de Concertación Social asinado este mes entre a Xunta e os sindicatos CC.OO. e UGT, Valeriano Martínez destacou que se trata do acordo máis importante acadado na historia da Función Pública autonómica. Por esta razón, agradeceu ás organizacións asinantes que traballasen “con luces longas para favorecer a máis de 21.500 empregados públicos”, e co obxectivo compartido de acadar unha auténtica transformación da función pública.

O acordo, publicado onte no Diario Oficial de Galicia, consta de catro eixos: a estabilidade no emprego público, a funcionarización do persoal laboral fixo, a implantación da carreira profesional no ámbito da Administración Xeral e a introdución de novos dereitos para o conxunto dos traballadores da Administración autonómica, tanto no eido retributivo como no da conciliación social.

O conselleiro detallou que a Xunta abrirá en poucos meses o proceso para solicitar o réxime extraordinario da carreira profesional, con efectos desde o 1 de xaneiro. Tamén se establecerán as condicións para acceder á carreira ordinaria, tendo en conta xa os servizos prestados desde o 1 de xaneiro. En ambos casos, será un sistema voluntario e consolidable que permitirá recoñecer os coñecementos, formación, experiencia, compromiso e formación dos empregados no seu desempeño. Os beneficiarios recibirán, de maneira progresiva, unha contía anual por grao que vai dos 761,5 aos 2.640 euros, segundo a súa categoría.

Valeriano Martínez explicou tamén que a Xunta tramitará en poucos meses o regulamento para facer efectiva a funcionarización do persoal laboral. Este proceso, que xa estaba previsto na Lei de Emprego Público de 2015, será sinxelo e totalmente voluntario, e permitirá acabar coas desigualdades entre os empregados públicos da Xunta. Unha vez completado, os traballadores que se beneficien del terán máis oportunidades de mobilidade integral e promoción profesional, ao tempo que se unificarán as listas de contratación.

Ademais, o conselleiro reiterou a aposta da Xunta por acadar unha estabilidade do 93%, para que Galicia siga sendo unha das comunidades con menor temporalidade. É por isto que a Xunta potenciará as ofertas de emprego público nos vindeiros anos, e a correspondente ao ano 2019 será aprobada neste primeiro trimestre.

Retribucións e conciliación

O conselleiro tamén incidiu no aumento retributivo incluído no acordo para o período 2018-2020. A este respecto, Valeriano Martínez lembrou que todos os empregados públicos da Administración galega –incluído o persoal dos eidos educativo e sanitario- xa perciben na nómina deste mes de xaneiro a suba salarial do 2,25%, que será de ata o 3% o vindeiro ano.

Ademais, desde o pasado 1 de xaneiro, todos os empregados públicos galegos perciben xa o 100% das retribucións en todos os supostos de incapacidade temporal. “O compromiso da Xunta de Galicia e o consenso acadado cos sindicatos permitiu recoller a opción máis beneficiosa para os empregados das posibles interpretacións derivadas do Acordo de Mellora de 2018”, explicou o titular de Facenda.

Finalmente, sinalou que o Acordo de Concertación inclúe medidas en materia de conciliación da vida familiar e laboral. Como novidades, referiuse á unha bolsa de horas de libre disposición acumulables entre si, de ata un 5% da xornada anual, para favorecer o coidado e atención de maiores, discapacitados, e fillos menores; ou as medidas para favorecer a plena recuperación derivada da finalización de procesos de quimioterapia ou radioterapia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/01/2019