Medio Rural destina 2,16 millóns de euros a financiar o coidado de plantacións forestais subvencionadas nos últimos anos

O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria para 2019 das primas de mantemento das forestacións cofinanciadas polo Feader nos anos 2016 e 2017

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2019

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2019 das primas de mantemento das forestacións cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Os beneficiarios destas primas serán unicamente os titulares de plantacións forestais subvencionadas pola Xunta antes do 31 de decembro de 2018 ao abeiro das ordes de axudas para a reforestación correspondentes aos anos 2016 e 2017 e que soliciten as achegas previstas nesta orde.

Estas primas teñen como finalidade contribuír ao coidado, mantemento e demais traballos forestais posteriores á plantación, financiando os labores cunha axuda anual nos primeiros anos de existencia dos cultivos realizados.

As accións previstas financiaranse cun importe total de 2,16 millóns de euros, a razón de 720.000 euros anuais en 2019, 2020 e 2021. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Enlace á convocatoria no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190201/AnuncioG0426-020119-0001_gl.html

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/02/2019