Galicia traballa na mellora das tecnoloxías para predicir episodios contaminantes no mar derivados das inundacións

O Centro Tecnolóxico do Mar e os seus socios no proxecto HazRunOff centran a investigación nas augas costeiras e de transición, próximas ás desembocaduras dos ríos

O obxectivo é desenvolver ferramentas para a xestión deste tipo de crises e optimizar os plans de continxencia e os protocolos de resposta

Os sistemas desenvolvidos ensaiaranse en España, Francia, Reino Unido e Portugal, con probas na conca e embocadura do río Ulla no caso español
 

Vigo, 1 de febreiro de 2018

O Centro Tecnolóxico do Mar participa nun proxecto para estudar as inundacións e os episodios contaminantes derivados delas, que afectan ás augas costeiras e de transición próximas ás desembocaduras dos ríos, e empregar a tecnoloxía para mellorar a prevención e loita contra este tipo de contaminación mariña. O proxecto HazRunOff, coordinado polo Instituto Superior Técnico de Portugal e no que colabora o organismo dependente da Consellería do Mar, aspira a mellorar as capacidades para a detección, alerta temperá, seguimento e resposta a este tipo de crises medioambientais.

Distintos representantes das institucións participantes na investigación, financiada pola Dirección Xeral de Protección Civil e Axuda Humanitaria da Comisión Europea, explicaron hoxe nun taller celebrado na sede do Cetmar os obxectivos do estudo e as principais liñas de traballo coa idea de identificar as necesidades e retos aos que se enfrontan os responsables da xestión deste tipo de episodios.

Por iso, nese encontro estiveron presentes organismos e administracións con competencias na xestión de inundacións e episodios de contaminación en augas interiores, de transición e costeiras, co que os investigadores puideron coñecer a súa visión sobre a aplicabilidade dos resultados que obteña o proxecto HazRunOff.

A investigación, que se desenvolverá ata finais de ano, centra os seus traballos na aplicación e mellora das tecnoloxías de monitorización ambiental in situ, tanto aéreas (mediante drons) como remotas (con imaxes por satélite), e a mellora de modelos meteorolóxicos, hidrodinámicos e de transporte de contaminantes. Os socios deste estudo prevén tamén desenvolver ferramentas para a xestión de crises coa información procedente dos traballos de observación e predición, ademais de mellorar os plans de continxencia e os protocolos de resposta e comunicación durante estes incidentes.

O fin último do proxecto é integrar todos estes sistemas, tecnoloxías e información nunha plataforma que permitirá contar con todos os datos dispoñibles e facilitar a toma de decisións e a emisión de alertas en función deles.

Os sistemas desenvolvidos ensaiaranse en catro zonas de estudio en España, Francia. Reino Unido e Portugal, coa colaboración dos organismos competentes na xestión destes episodios. No caso de España, a zona seleccionada é a conca e a desembocadura do río Ulla, e para o seu estudio o proxecto contará coa colaboración de Augas de Galicia.

Ademais deste ente autonómico, no taller desenvolvido na sede do Cetmar participaron diferentes organizacións galegas con competencias e responsabilidades diversas na xestión de emerxencias por inundacións ou contaminación como é o caso de Meteogalicia, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Protección Civil, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e o Servizo de Gardacostas de Galicia.

Xunto ao Centro Tecnolóxico do Mar e o Instituto Superior Técnico de Portugal participan no proxecto HazRunOff (http://www.hazrunoff.eu/) o centro de loita contra a contaminación francés Cedre, o Public Health England (PHE) do Reino Unido, o Earth Observation and Environmental Services (Eomap) de Alemaña, a empresa Bentley Systems e a Câmara Municipal de Loures (Portugal).
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 01/02/2019