Máis de 1.700 empregados públicos da Xunta participarán nas probas para ascender de categoría

Trátase de 350 prazas de promoción interna

As listaxes definitivas de admitidos e excluídos publicaranse no DOG o vindeiro martes, 5 de febreiro

Son oposicións reservadas para persoas que xa teñen praza na Administración
 

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2019

Un total de 1.745 empregados públicos da Xunta participarán nas oposicións de promoción interna para lograr un ascenso de categoría. As 1.745 persoas admitidas nestes procesos aspiran a unha das 350 prazas que oferta a Administración galega.

O vindeiro martes, 5 de febreiro, está prevista a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) das resolucións da Dirección Xeral de Función Pública pola que se aproban e se fan públicas as listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas nestas oposicións convocadas no DOG do oito de marzo de 2018.

As oposicións de promoción interna están reservadas a empregados públicos que xa teñen praza na Administración, e que queren acceder a un posto de maior categoría ou a un posto doutra categoría que se adapte mellor ás súas preferencias, sempre que reúnan os requisitos e superen o correspondente proceso selectivo.

En concreto, nestes procesos selectivos a Xunta de Galicia ofertou 44 prazas para o corpo superior A1 con 66 admitidos; 70 prazas para o corpo de xestión A2 con 462 persoas admitidas; 130 prazas para o corpo administrativo C1 con 1.040 aspirantes admitidos; e finalmente 106 prazas para o corpo auxiliar C2 con un total de 177 admitidos.

As relacións definitivas de persoas admitidas e excluídas, poderanse consultar no DOG e portal web corporativo. No caso da listaxe de persoas excluídas, con indicación da causa determinante da súa exclusión, figurará como anexo das resolucións que se publicarán no DOG.

Novas oposicións

O Goberno galego aprobou en decembro a oferta de emprego público da Administración Xeral da Xunta de Galicia para o ano 2018 cun total de 2.225 prazas, o que supón triplicar o número de prazas ofertadas no anterior exercicio. Ademais, aprobará xa neste primeiro trimestre a Oferta de Emprego Público correspondente ao ano 2019.

O aumento de prazas ofertadas garante a posibilidade de que calquera persoa que cumpra os requisitos poida opositar para traballar na Xunta de Galicia, e o dereito á promoción profesional dos empregados públicos que xa están traballando na Administración galega.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Facenda
Data de actualización: 03/02/2019