Medio Rural reforza a colaboración co concello de Maceda na mellora das súas infraestruturas e na prevención de incendios

O conselleiro José González e o alcalde deste municipio ourensán mantiveron unha xuntanza de traballo para avanzar nestes aspectos
 

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2019
  • whatsapp

A Consellería do Medio Rural e o Concello de Maceda colaborarán na mellora das infraestruturas rurais deste municipio ourensán. Así o acordaron o conselleiro José González e o alcalde, Rubén Quintáns, nunha xuntanza de traballo na que tamén participou o director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, e o tenente de alcalde, Jose Manuel Gil Carballo.

Neste encontro, o rexedor trasladoulle ao titular de Medio Rural a necesidade de impulsar ditas infraestruturas, en particular no que atinxe á mellora de camiños de titularidade municipal. Pola súa banda, o conselleiro comprometeuse a estudar as propostas do alcalde e a valorar as posibilidades de cooperación futura nesta materia.

Outro dos temas tratados foi o relacionado coa prevención dos incendios forestais. Neste sentido, o alcalde amosou a súa boa disposición en relación coa posible adhesión do Concello ao convenio entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a xestión da biomasa nas faixas próximas aos núcleos de poboación.

Ambos responsables –alcalde e conselleiro– cualificaron como moi importante a colaboración institucional nesta materia, xa que se trata de dar maior seguridade ás persoas e aos bens diante da ameaza dos incendios forestais.

A Consellería do Medio Rural vén colaborando co concello de Maceda tanto na mellora das súas infraestruturas rurais como na prevención e defensa contra incendios. Así, dentro do plan de mellora de camiños rurais de 2018 a este municipio correspondéronlle un total de 58.644 euros. Ademais, a consellería achegou nos tres últimos anos preto de 70.000 euros a Maceda en concepto de tratamentos preventivos, mellora de pistas forestais e xestión de infraestruturas (devasas).

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 01/02/2019