A rede CeMIT celebra o Día de Internet Segura cunha programación especial de actividades

A Rede e os seus aliados dixitais súmanse a esta conmemoración cunha planificación especial en aulas das catro provincias para promover un uso seguro e positivo das tecnoloxías

O 5 de febreiro celebraranse charlas en colaboración coa Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, coa Asociación Galega de Software Libre e co mentor dixital Jose M. Lozoya

As actividades estenderanse ata mediados de febreiro en aulas das catro provincias
 

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2019
  • whatsapp

A Rede CeMIT celebra o Día de Internet Segura cunha programación especial de actividades das Aulas CeMIT, sumándose así a un evento que se ven celebrando desde o ano 2004 na Unión Europea e que actualmente conmemórase internacionalmente.

As actividades programadas desde a Rede CeMIT con motivo deste día teñen como obxectivo principal apoiar a creación dunha internet máis segura e mellor, para convertela nun espazo no que todos fagamos uso da tecnoloxía de modo máis responsable, respectuoso, crítico e creativo.

Actividades programadas

Ao longo do día 5 de febreiro, terán lugar as seguintes charlas programadas na rede CeMIT grazas á colaboración dos aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020: Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), a Asociación Galega de Software Libre (Agasol), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), e o mentor dixital D. José M. Lozoya.

• Aula CeMIT de Barreiros, Lugo, impartida polo aliado dixital AETG
• Aula CeMIT de Pontedeume, A Coruña, impartida polo aliado dixital AETG
• Aula CeMIT de Redondela, Pontevedra, impartida polo aliado dixital AETG
• IES A Guía, de Vigo, impartida polo aliado dixital AGASOL
• Aula CeMIT de Celanova, Ourense, impartida polo aliado dixital CPEIG
• Aula CeMIT de Leiro, Ourense, impartida polo aliado dixital CPEIG
• Aula CeMIT de Pontevedra, impartida polo mentor dixital D. José M. Lozoya

Ademais, na semana centrada nesta data internacional desenvolveranse noutras aulas CeMIT de Galicia diversas actividades, que poderán consultar a través da web http://cemit.xunta.gal, como son:

• Aula CeMIT de Abegondo, A Coruña (día 5 e 6 de febreiro): realizará unha actividade propia e impartirase unha charla coa colaboración dun Cibercooperante do programa Internet segura for Kids do INCIBE (Instituto Nacional de Ciberseguridad).
• Aula CeMIT de Castro Caldelas, Ourense (do 4 ao 7 de febreiro): desenvolverá diversas charlas, proxeccións de vídeos, xogos e dinámicas de grupo.
• Aula CeMIT de Fisterra, A Coruña (12 de febreiro): impartirase unha charla coa colaboración dun Cibercooperante do INCIBE (Instituto Nacional de Ciberseguridad)
• Aula CeMIT de Ribadeo, Lugo, participarase nun seminario en liña (webinar) sobre o Uso seguro de Internet: precaucións e métodos de protección, en colaboración co programa CyLdigital da Junta de Castilla y León.

O único requisito para poder asistir a todas estas actividades gratuítas e programadas nas aulas CeMIT é solicitar praza na localidade de interese, ben directamente na aula CeMIT de cada concello ou a través da web http://cemit.xunta.gal.

A Rede CeMIT

A Rede está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer á cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.

Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 - Aliad@s Dixitais
O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.

Esta estratexia estase a desenvolver grazas á cooperación, e implicación dos axentes do ecosistema dixital. Actualmente o Plan de Inclusión Dixital conta con máis de 800 aliados dixitais.
 

Data de actualización: 01/02/2019