Mañá ábrese o prazo para solicitar as axudas para accións silvícolas que contan cun orzamento de 13 millóns de euros

A través destas achegas o Goberno galego prevé executar melloras en 7.000 hectáreas e chegar a 500 beneficiarios

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2019

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais que contan cun orzamento de 13 millóns de euros. O prazo de solicitudes é dun mes a contar a partir de mañá.

A través destas achegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, a Xunta subvenciona dous tipos de accións, unha dirixida a prácticas preventivas que permitan crear descontinuidades verticais e horizontais da cuberta vexetal e o control selectivo de combustible vexetal para a prevención de incendios. A segunda liña de axudas é para a realización de tratamentos silvícolas e plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculadas ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques que non teñan carácter produtivo. En total, calcúlase que este ano se podería chegar a 500 beneficiarios e actuar sobre 7.250 hectáreas de superficie.

No que se refire aos beneficiarios, poden optar a estas axudas as Sociedades de Fomento Forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual, as asociacións e as agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta. Tamén se poden acoller as cooperativas agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais e as comunidades de montes veciñais en man común.

Coa publicación desta orde de achegas, a Xunta aposta pola conservación dos montes galegos e polos traballos de prevención como fórmula para loitar contra os lumes forestais dende a prevención. No 2018 aprobáronse 392 expedientes por valor de 9,8 millóns de euros cos que se financiaron traballos silvícolas en 5.536 hectáreas.

Pódese acceder á orde nesta ligazón.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 04/02/2019