Medio Ambiente somete a consulta pública a futura Lei de pesca fluvial co fin de actualizala ante retos como o furtivismo e a seca

Ángeles Vázquez salienta que o obxectivo é adaptar a normativa galega á lexislación estatal e comunitaria, ofrecendo unha ferramenta útil que mellore o modelo de aproveitamento da pesca fluvial ao tempo que o faga compatible coa preservación de certas especies e o coidado do medio ambiente

Durante unha visita ao refuxio pesqueiro de Ponte Castro (Boimorto), a conselleira avanza que este mércores sairá publicada a orde pola que se fixan as normas de pesca para a vindeira tempada, que comezará o próximo 17 de marzo

A Xunta aspira a que a nova lei acade o maior consenso posible cos pescadores e invita á sociedade en xeral a facer as súas achegas para garantir o futuro do sector

Boimorto (A Coruña), 4 de febreiro de 2019-
  • whatsapp

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de abrir o proceso de consulta pública previa sobre a futura Lei de pesca fluvial, o primeiro paso na tramitación dunha normativa que pretende actualizar e mellorar a actual, en vigor desde o ano 1992. Así o avanzou a conselleira Ángeles Vázquez durante unha visita ao refuxio de pescadores de Ponte Castro, no Concello de Boimorto, onde precisou que todos os colectivos e cidadáns interesados en presentar as súas achegas para a elaboración do novo texto terán de prazo ata o 15 de febreiro.

Tras facer un chamamento a pescadores e cidadanía en xeral a implicarse na elaboración da futura lei, Vázquez Mejuto recalcou que o obxectivo do seu departamento é conseguir un texto normativo “o máis consensuado posible”. Así, anunciou que unha vez pechado este trámite previo, a intención da Consellería de Medio Ambiente é abrir unha rolda de contactos e reunións con diferentes colectivos, entidades, universidades e particulares que teñan algo que aportar para enriquecer o documento definitivo.

Todos estes contactos contribuirán, segundo dixo, a que Galicia se dote dunha ferramenta útil, moderna e adaptada ás previsións fixadas polas normativas estatal, comunitaria e autonómica en materia piscícola e ambiental e capaz de afrontar os principais desafíos aos que se enfronta un sector clave para a comunidade.

Entre estes retos, a conselleira salientou en particular o furtivismo, a seca e a posta en marcha de actuacións que beneficien á riqueza ictícola das augas fluviais galegas. Na mesma liña, tamén se referiu á necesidade de compatibilizar a práctica da pesca fluvial coa preservación de determinadas especies presentes nos nosos ríos a través da promoción da investigación nesta materia e da sensibilización da sociedade sobre o que representa esta actividade en si mesma e a súa vertente ambiental, social e económica.

Así mesmo, precisou que a tramitación da nova lei será unha boa oportunidade para abordar e resolver outras cuestións claves para o sector como a regulación da licenza de pesca fluvial en Galicia, a introdución de instrumentos de planificación para aproveitar os recursos pesqueiros ou o deseño dunha estratexia axeitada para a repoboación piscícola.

Xunto ao cambio normativo en materia de pesca fluvial no que traballa nestes momentos a Xunta, Ángeles Vázquez incidiu tamén na importancia dos investimentos e das axudas habilitadas polo seu departamento co fin de favorecer o asentamento da pesca en Galicia como unha actividade lúdico-deportiva. Neste sentido, referiuse en concreto ás obras de acondicionamento do refuxio de Ponte Castro e da súa área recreativa, actuacións nas que a Consellería de Medio Ambiente investirá en total 16.000 euros e que, tal e como adiantou, estarán rematadas en cuestión de días, garantindo a total accesibilidade ao couto a través de novas sendas e do camiño que conduce ao río Tambre.

Nova tempada

Por último, a responsable galega de Medio Ambiente tamén aludiu á próxima tempada de pesca, que arrincará oficialmente o 17 de marzo. Ao respecto, avanzou que este mércores sairá publicada no DOG a orde pola que se fixan as normas reguladoras da pesca en augas continentais da comunidade para o período que vai de marzo a xullo, durante o que se traballará co obxectivo de incrementar as licenzas de pesca deportiva e garantir o relevo xeracional necesario para o futuro dun sector tan importante en Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/02/2019