A Xunta integra outras 80 bibliotecas públicas na plataforma única de xestión

Permite o acceso dos usuarios a todos os fondos da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e á plataforma de préstamo online GaliciaLe cun único carné

Facilita o traballo dos técnicos bibliotecarios e favorece unha xestión máis eficiente dos recursos dispoñibles grazas á integración de datos

Ao remate do ano serán preto de 200 as bibliotecas públicas integradas no sistema

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2019
  • whatsapp

Un total de 80 bibliotecas municipais disporán ao longo deste ano do sistema integrado de xestión bibliotecaria, un software libre de código aberto que está a permitir a integración de todas as bibliotecas públicas de Galicia nun contorna unificada, tanto para o traballo dos técnicos das bibliotecas como para a consulta dos catálogos das bibliotecas de Galicia por parte de calquera usuario.

Actualmente son 110 as bibliotecas que dispoñen deste sistema de xestión, que se comezou a implantar en 2016 e que ao remate do ano terá incorporado preto de 200 bibliotecas e axencias de lectura públicas.

Carné único

O novo sistema de xestión bibliotecaria permite mellorar o servizo para os usuarios de cada biblioteca e da Rede en xeral tras a creación dun catálogo único, accesible a través da web. Entre as vantaxes que perciben os usuarios está o acceso, cun carné único de bibliotecas, aos servizos de todas as bibliotecas públicas integrada e a posibilidade de facer xestións en liña como a solicitude do propio carné, reservas, renovacións... así como xestionar a petición de libros a través da plataforma GaliciaLe, un sistema pioneiro de préstamo de libro electrónico.

Así mesmo, con este sistema tamén se logra homoxeneizar e simplificar a catalogación das coleccións e, en definitiva, camíñase cara ao funcionamento común dos centros integrados na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, así como cara á mellora do servizo para os usuarios.

Sistema moderno, eficiente e accesible

A integración no catálogo colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia supón impulsar un sistema bibliotecario máis desenvolvido e moderno, permite que a cidadanía poida acceder aos servizos de todas as bibliotecas públicas da rede, mellora a visibilidade dos fondos dos centros –debido a que se pode consultar a través dunha páxina única en liña en que a biblioteca está o documento que se busca e reservalo–, e favorece unha xestión máis eficiente dos recursos dispoñibles grazas á integración de datos.

Un proceso de integración progresiva

O proceso de integración iniciouse en 2016 coa incorporación ao catálogo colectivo un total de 43 bibliotecas , durante 2017, avanzouse na segunda fase, que se completou en xaneiro de 2018 coa integración dun total de 70 bibliotecas e axencias de lectura municipais. Agora comeza una terceira fase que contempla a incorporación doutras 80 bibliotecas públicas municipais. Trátase dun proceso de incorporación progresiva das preto de 370 bibliotecas que conforman a rede e que abordará tamén a integración das bibliotecas dos centros públicos escolares.

Investimento

Esta actuación enmárcase no proceso de dixitalización da rede pública de bibliotecas que conta cun investimento preto de 2 millóns de euros no período 2016-2020, cofinanciados con fondos FEDER, para o desenvolvemento e implantación do sistema, a dotación de equipamento tecnolóxico e ampliación dos servizos aos usuarios.

A creación deste catálogo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia forma parte da carteira de servizos dixitais que a Xunta está a poñer a disposición dos concellos a través de nove convenios de colaboración coa Fegamp para impulsar a dixitalización das entidades locais. Todas estas iniciativas enmárcanse na Axenda Dixital de Galicia 2020, que ten definida unha liña específica de actuación para facilitar a accesibilidade dixital ao patrimonio cultural galego.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/02/2019