José González visitou esta mañá a adega Condes de Albarei, receptora destas axudas
Medio Rural inviste máis de tres millóns de euros na posta en marcha de 53 proxectos que mellorarán a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas

Por provincias, a máis beneficiada é Pontevedra con 27 iniciativas e 2,4 millóns de euros en axudas

A convocatoria de 2019 destas achegas aumenta o seu orzamento un 13% respecto ao exercicio anterior

Ademais, o conselleiro do Medio Rural asistiu ao pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas

Cambados (Pontevedra), 5 de febreiro de 2019

A Consellería do Medio Rural vén de resolver as axudas a investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas e, a través delas, máis de tres millóns de euros irán destinados a 53 beneficiarios de toda Galicia. Así o avanzou hoxe o conselleiro José González nunha visita á adega Condes de Albarei, no concello de Cambados.

Precisamente a provincia de Pontevedra é a máis beneficiada desta orde de axudas, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga). En total, nesa provincia aprobáronse 27 iniciativas correspondentes coa convocatoria de 2018, ás que lles corresponde unha achega de 2,4 millóns de euros, o que suporá un investimento inducido de 8 millóns de euros só na provincia de Pontevedra. En toda Galicia, calcúlase que esta cifra chegará a superar os 10,4 millóns de euros, segundo explicou o conselleiro.

Durante a visita o titular de Medio Rural, que estivo acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Agroalimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, sinalou que na convocatoria de 2019 aumentou un 13% o orzamento de axudas con respecto ao ano anterior, chegando aos 4,25 millóns de euros. Neste sentido, avanzou que, xa pechado o prazo de presentación de solicitudes e, a falta de que poidan chegar máis, hai máis de 70 solicitudes xa recibidas.

Así, o conselleiro explicou que estas subvencións van dirixidas tanto a empresas vitivinícolas e organizacións de produtores como a asociacións e a organizacións interprofesionais. Deste modo, indicou González, facilítaselles executar investimentos de todo tipo, sempre que teñan por obxecto mellorar a produción ou facela máis competitiva. Nesta liña, subvenciónase a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, a compra de nova maquinaria e equipamentos, os gastos vinculados a honorarios de arquitectos, enxeñeiros e asesores, así como estudos de viabilidade. Ao abeiro destas achegas tamén se pode financiar a adquisición ou o desenvolvemento de soportes lóxicos de ordenador e a adquisición de patentes, licenzas, dereitos de autor e o rexistro de marcas colectivas.

Ao fío disto, José González trasladou que precisamente a adega Condes de Albarei é unhas das beneficiarias destas axudas. Así, recibirá máis de 424.000 euros correspondentes coa convocatoria de 2018 para mellorar as súas instalacións, cun investimento total que ascende a 1,4 millóns de euros. En concreto, nas instalacións de Vilanova de Arousa (no pazo Baión) farase o acondicionamento dun almacén de 36 metros cadrados para viño embotellado e a adquirirase dun depósito de cemento de 17,3 hectolitros. Por outro lado, en Cambados renovarase o alumeado exterior da bodega, instalarase unha batería de condensadores e construirase unha nova liña de embotellado completa xunto coa instalación eléctrica, entre outras melloras.

Esta empresa xa resultou beneficiaria destas e doutras subvencións en anos anteriores, cun montante total de 1,3 millóns de euros. Neste sentido, entre os proxectos levados a cabo co apoio da Xunta destaca un centro de ocio enoturístico, no que se organizan diversas actividades e eventos (catas, degustacións, reunións, cursos de formación...) e para o que a Consellería do Medio Rural achegou máis de 830.000 euros. O custo total da reforma foi de algo máis de 1,8 millóns. Na actuación realizáronse labores de conservación dos valores existentes de tipo histórico, ambiental, botánico, paisaxístico, e sobre todo, produtivo, existentes no conxunto.

A adega Condes de Albarei constituíuse como sociedade no ano 1998, baixo o nome de Bodegas Salnesur e é no 2002 cando cambia o seu nome. A día de hoxe está constituída por case 400 viticultores que posúen unha superficie aproximada de 300 hectáreas. Así mesmo, tamén adquiren uva mediante contratos homologados a case 50 viticultores colaboradores, cunha superficie doutras 256 hectáreas.

Plan de dinamización

Coincidindo coa visita á provincia de Pontevedra, o conselleiro asistiu tamén á sesión plenaria do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, na que se fixo balance do último ano. Alí, José González aproveitou para lembrar o Plan estratéxico e de dinamización territorial das cinco denominacións de orixe do viño de Galicia que porá en marcha a Xunta entre a Consellerías de Cultura e Turismo e a do Medio Rural.

Este plan, sinalou González, contará coa participación de todos os axentes clave do territorio e ten entre os seus obxectivos mellorar a coordinación público-privada para fomentar o desenvolvemento territorial a partir do sector vitivinícola. O proxecto botará a andar cun estudo e diagnóstico socioeconómico dos territorios implicados, analizando as súas infraestruturas, os servizos públicos e a súa situación demográfica, así como o tecido asociativo e empresarial, entre outros factores.

O conselleiro do Medio Rural tamén destacou a importancia de Agacal de cara a seguir mellorando as características dos nosos produtos, neste caso, as do viño e así manter a boa valoración que ten Galicia no mercado nacional e internacional. Neste sentido, José González lembrou que Agacal vela pola calidade tanto das materias primas como da posterior produción e, polo tanto, é un departamento clave para a dinamización do agro galego.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/02/2019