Fabiola García anuncia que a primeira Lei de impulso demográfico de España comezará a tramitarse en Galicia nas vindeiras semanas

Destacou o aumento dos recursos postos a disposición das familias para conciliar, co dobre de prazas públicas en escolas infantís que no ano 2009 e a creación da rede de Casas Niño no rural

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2019
  • whatsapp

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou esta mañá, nunha entrevista no programa “Bos días” da Televisión de Galicia, que nas vindeiras semanas a Xunta comezará a tramitación da Lei de impulso demográfico, polo que “seremos a primeira Comunidade Autónoma que elevará a rango de lei as súas políticas neste ámbito”, apuntou.

Fabiola García indicou que a demografía é un dos principais retos que ten por diante o Executivo autonómico e que para afrontalo cómpre a implicación do conxunto da sociedade. Explicou que esta lei pioneira dará continuidade ao traballo do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, foro de participación no que están representados grupos políticos, organizacións sindicais e empresariais, universidades, administracións local e central, entidades sociais, así como profesionais e expertos nesta materia

Ademais, a conselleira explicou que a cuestión demográfica tamén está relacionada coa necesidade de que as familias teñan maiores facilidades para conciliar. Nesta liña, salientou o esforzo que está a realizar a Xunta, ao poñer a disposición das nais e pais máis de 24.000 prazas públicas en escolas infantís de 0 a 3 anos, o dobre que hai dez anos, ou coa creación dunha rede de conciliación no rural a través das Casas Niño que ao remate desta lexislatura estará formada por 76 recursos deste tipo.

Atención á dependencia

Tamén fixo fincapé na extensión dos servizos de atención á dependencia, dos que hoxe en día se benefician máis de 60.000 galegas e galegos, de tal xeito que na metade de tempo se ten cumprido o obxectivo inicialmente fixado para os catro anos de mandato.

Así mesmo, sinalou que a Xunta continuará a ampliar o sistema de dependencia coa posta en marcha nas vindeiras semanas das primeiras 30 Casas do Maior en 25 concellos rurais. A conselleira reiterou que se 2018 foi o do incremento do número de dependentes atendidos, este ano será o do aumento das contías das axudas que reciben estas persoas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/02/2019