A Xunta apoia na Laracha o programa integrado 'Impulsa Emprego' para mellorar a inserción laboral de 100 desempregados

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou hoxe aos alumnos e alumnas desta iniciativa, que a Xunta financia con 250.000 €

Trátase dun programa formativo adaptado á demanda do tecido empresarial da comarca no que se imparte, entre outros, cualificación en novas tecnoloxías, produción, fabricación e montaxe en cadea e administración e servizos

En toda Galicia estanse a investir preto de 11 millóns de euros para incrementar as oportunidades laborais de 4800 desempregados a través do desenvolvemento de 48 programas integrados

Marnotes puxo en valor a importancia da cooperación entre a Xunta, concellos e entidades para ofrecer novas oportunidades laborais á cidadanía

A Laracha (A Coruña), 6 de febreiro de 2019
  • whatsapp

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou hoxe na Laracha aos alumnos e alumnas que están a formarse no Programa Integrado Impulsa Emprego, unha iniciativa cun ano de duración e cun obxectivo de inserción laboral que supera o 45%. A Consellería de Economía, Emprego e Industria financia ao 85% esta iniciativa, a través dunha axuda de 250.000 euros. En total, están a participar 100 persoas desempregadas de diversos perfiles: menores de 30 anos, maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas inmigrantes, persoas con capacidades diferentes e mulleres vítimas de violencia de xénero.

Marnotes salientou o bo resultado dos programas integrados que teñen como reto principal incrementar as oportunidades laborais dos desempregados a través da formación, o asesoramento e as prácticas en empresas da contorna. De feito, a programación formativa da iniciativa está adaptada á demanda do tecido empresarial da comarca. Así, impártese, entre outros, formación en novas tecnoloxías, administración e servizos, contabilidade e fiscalidade, produción, fabricación e montaxe en cadea e para desempeñar labores de almacén e loxística. Tamén se ofrece formación transversal en informática e inglés e márketing dixital. A organización do programa ofrece aos alumnos e alumnas medidas de conciliación para facilitarlles a asistencia.

Marnotes sinalou a aposta da Administración autonómica por plans que combinen formación e prácticas dando resposta a un modelo de formación dual e flexible para acadar un emprego de calidade.

Na actualidade, estanse desenvolvendo en toda Galicia 48 programas integrados para apoiar a 4800 desempregados. Así, coa participación de 58 concellos e 24 entidades e cun investimento de 11 millóns de euros, a Xunta sigue apostando pola colaboración para dar novas oportunidades laborais á cidadanía.

Nesta edición do programa priorizouse por primeira vez aos Concellos Emprendedores, os que forman parte do convenio que a Xunta asinou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para impulsar en Galicia o desenvolvemento de novos proxectos industriais, como é o caso da Laracha. Tamén se concederon programas integrados específicos para mulleres e se primou a aqueles proxectos nos que se implicou o tecido empresarial de cada zona, co obxectivo de que os programas se centren nas demandas laborais de cada comarca, e a aqueles plans de xestión compartida para incentivar os procesos de fusión municipal.

Para rematar, o director xeral salientou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade. Neste senso, destacou a cooperación entre a Xunta, concellos e entidades para acadar o máximo proveito dos programas integrados de emprego.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/02/2019