O Sergas reuniuse coa Federación de Enfermidades Raras e Crónicas e a de Familiares de Enfermos de Alzheimer para recabar as súas propostas coa fin de mellorar o novo modelo de atención primaria

O departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña considera moi necesarias as suxestións das asociacións de pacientes, dado o seu amplo coñecemento dos servizos sanitarios

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2019

Representantes do equipo directivo da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde veñen de reunirse recentemente con directivos da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec), así como da Federación de Asociacións Galegas de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias (Fagal), para recabar as súas propostas para contribuír ao proceso que está a levar a cabo Sanidade co propósito de abordar medidas a curto, medio e longo prazo, co obxectivo de desenvolver o novo modelo de atención primaria.

O Servizo Galego de Saúde considera moi necesarias, para mellorar a atención primaria, as achegas das asociacións de pacientes, dado o seu coñecemento dos servizos sanitarios así como por formar parte do Consello Asesor de Pacientes, órgano de asesoramento do Sergas para a mellora da seguridade dos doentes, dos seus familiares e das persoas coidadoras, fomentando o seu nivel de participación e facilitándolles a información necesaria para a toma de decisións.

Entre os temas abordados nestas reunións cómpre destacar a accesibilidade da atención no primeiro nivel asistencial, que sexa o máis rápida posible; a importancia do seguimento dos pacientes e a coordinación coa atención hospitalaria para evitar a reagudización das patoloxías; as visitas a domicilio do persoal sanitario; a trascendencia do traballo en equipo para atender ás necesidades destes colectivos, así como a potenciación do labor conxunto entre profesionais sanitarios e asociacións de pacientes.

Sanidade seguirá as xuntanzas con outras asociacións e federacións ao longo desta semana, para solicitar a súa colaboración neste obxectivo de mellora da atención primaria

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/02/2019