A Xunta pide ao Goberno a súa implicación na mellora da conectividade aérea cos mercados emisores de turismo

O conselleiro de Cultura e Turismo participou hoxe en Madrid na Conferencia Sectorial de Turismo convocada polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo

Solicitou tamén o impulso dun Plan Estatal de Estatística que permita a todas as comunidades autónomas dispor de mellor información para a toma de decisións

Madrid, 6 de febreiro de 2019

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, pediu hoxe ao Goberno central a súa implicación na coordinación aeroportuaria de Galicia co obxectivo de mellorar a conectividade cos principais mercados emisores de turistas. Así o trasladou durante a súa intervención no Pleno Sectorial de Turismo, convocado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e coa participación das comunidades autónomas.

A adaptación dos sistemas ferroviarios e aeroportuarios galegos é un grandes desafíos que presenta o Xacobeo 21 e que Román Rodríguez xa sinalou como prioritario na súa comparecencia de liñas estratéxicas no Parlamento de Galicia o pasado mes de novembro. Xa entón, o titular de Cultura e Turismo da Xunta transmitiu a necesidade de avanzar no impulso, en colaboración coa Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, dunha mesa bilateral Xunta-Estado, en base ás súas competencias, para abordar esta cuestión.

A xuntanza, presidida pola ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, tamén permitiu recapitular a evolución turística durante o ano 2018. Neste sentido, e un día despois de realizar balance en Pontevedra, o conselleiro transmitiu a necesidade de impulsar un Plan Estatal de Estatística. O obxectivo é mellorar a información da que dispoñen na actualidade tanto os axentes privados como as administracións públicas e que poden influír na súa toma de decisións tanto na orientación das súas políticas de promoción ou xestión como nos seus investimentos. Ademais, de coordinar a difusión de datos entre distintos organismos, solicitou prover de máis información a comunidades como Galicia ou a España Verde, a marca que agrupa e axuda a posicionar ás rexións do norte peninsular.

Implicación no Xacobeo 21

O conselleiro de Cultura e Turismo do Goberno galego tamén invitou a todos a potenciar o Camiño de Santiago como exemplo de recurso sustentable e vertebrador, que contribúe ao desenvolvemento territorial. Ao respecto, chamou a implicarse na organización do Xacobeo 21, un dos principais acontecementos culturais e turísticos de España nos próximos anos.

Román Rodríguez, que o pasado luns xa mantivo un encontro coa ministra en Santiago de Compostela, aproveitou para agradecer a vontade de coordinación no eido das vivendas de uso turístico concretado na creación dun grupo de traballo específico. Así mesmo, expresou o seu desexo de acadar avances para establecer criterios comúns entre as normativas autonómicas e regular con garantías esta nova tipoloxía de aloxamento.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/02/2019